Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 13 - Biblia SEPT


Parábola da figueira

1 Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían.

2 El respondeulles: Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así?

3 Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual.

4 Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén?

5 Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.

6 E púxolles esta parábola: Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou.

7 Díxolle ó viñateiro: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?"

8 El respondeulle: "Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco;

9 A ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".


A muller dobrada

10 Un sábado estaba Xesús ensinando nunha das sinagogas.

11 Había alí unha muller eivada por causa dun espírito: había dezaoito anos que estaba dobrada sen se poder endereitar.

12 Xesús ó vela chamou por ela e díxolle: Muller, quedas ceiba da túa enfermidade.

13 E impúxolle as mans. Ela ficou curada no momento e empezou a loar a Deus.

14 Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente: Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.

15 Replicoulle Xesús: Hipócritas! Non ceibades vós, nos sábados, o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber?

16 E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satán, non a imos poder ceibar por ser sábado?

17 Cando tal lles dixo ós adversarios, todos viraron rubios diante del e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.


Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mt 13, 31-33; Mc 4, 30-32)

18 E dicía tamén: Con que se parece o Reino de Deus, a que volo compararía eu?

19 Évos coma un gran de mostaza que un home sementou na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaban nas súas pólas.

20 E proseguiu: A que vos compararía eu o Reino de Deus?

21 Évos coma o fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.


A porta estreita (Mt 7, 13-14. 21-23; 25, 10-12)

22 Atravesaba vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.

23 Un preguntoulle: Señor, e logo son poucos os que se salvan? El respondeu:

24 Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán.

25 Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes".

26 Entón empezaredes a dicir: "Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!".

27 El repetirá: "Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!".

28 Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abraham, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra.

29 E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus.

30 Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.


Un aviso da morte

31 Naquel momento chegaron uns fariseos para lle avisar: Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.

32 El respondeulles: Ídelle dicir a ese raposo: eu hoxe e mañá estou a botar os demoños fóra, e no terceiro día xa acabo.

33 Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga para diante, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.


Lamento sobre Xerusalén (Mt 23, 37-39)

34 Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e apedras os que mandan onda ti! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches!

35 Pois mirade: a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: Benia o que vén no nome do Señor!

Lean sinn:



Sanasan