Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 12 - Biblia SEPT


Actitudes do discípulo (9, 26; 21, 14; Mt 10, 26-33; 12, 32; 10, 19-20; Mc 8, 38; 3, 29; 13, 11)

1 Tanta era a xente reunida arredor del que se pisaban uns a outros. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ós discípulos: Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía!

2 Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo nin cousa oculta que non se acabe sabendo.

3 Porque canto tedes dito na escuridade oirase a plena luz, e o que falastes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar desde as azoteas.

4 E a vós, amigos meus, tamén vos digo: non lles teñades medo ós que matan o corpo, pero xa non poden pasar de aí.

5 Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Así, repítovolo, temede a este.

6 Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo, Deus non esquece a ningún.

7 E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.

8 E asegúrovos: todo o que volva por min diante dos homes, tamén o Fillo do Home volverá por el diante dos anxos de Deus.

9 Pero a quen me negue diante dos homes, tamén o negarán ante os anxos de Deus.

10 A todo aquel que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero ó que blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará.

11 Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de como vos ides defender e do que ides dicir:

12 xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesma hora o que é preciso dicir.


A cobiza: parábola do rico insensato (Mt 6, 25-34; 19, 21)

13 Díxolle entón un que estaba entre a xente: Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

14 El contestoulle: Home, quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?

15 E logo díxolle á xente: Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.

16 E propúxolles unha parábola: As terras de certo home rico déranlle moito froito.

17 Púxose entón a cavilar: "Como vou facer, que non teño onde meter o froito?"

18 E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens.

19 Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!"

20 Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: para quen será todo o que fixeches?"

21 Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.


Confianza no Pai (Mt 6, 19-21. 25-34)

22 E díxolles ós seus discípulos: Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (que ides comer) nin polo voso corpo (que ides vestir).

23 Non vale máis a vida cá mantenza? e non vale máis o corpo có vestido?

24 Ollade para os corvos: nin sementan, nin segan, nin tampouco teñen tullas e, mesmo así, Deus mantenos. Pois, canto máis valedes vós cós paxaros!

25 E quen de vós, por moita ansia que poña lle pode engadir un cóbado á súa estatura?

26 Pois logo, se non podedes acadar o máis pequeno, por que andades tan agoniados polo resto?

27 Aprendede dos lirios, que nin fían nin tecen, e seguro que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles.

28 Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá a botamos no forno, Deus a veste así, canto máis non fará convosco, homes de pouca fe!

29 Non vos angustiedes polo que ides comer ou beber; non andedes desacougados.

30 Que por esas cousas todas andan agoniados os pagáns; e ben sabe o voso Pai que é o que precisades.

31 Procurade, máis ben, o seu Reino, e esas cousas todas hánsevos dar de máis a máis.

32 Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino.

33 Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder.

34 Pois onde está o teu tesouro, estache o teu corazón.


Estade preparados (Mt 24, 42-51)

35 Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas;

36 sédeme coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir.

37 Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un.

38 Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.

39 Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa.

40 Así tamén: estade vós preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do Home.

41 Díxolle Pedro: Señor, a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?

42 Contestoulle o Señor: Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume?

43 Ditoso o criado aquel, a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa!

44 Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda.

45 Pero se o criado aquel di para si: "O amo aínda non vén para agora" e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar;

46 o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis.

47 O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus;

48 pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.


Xesús, causa de división (Mt 10, 34-36)

49 Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder!

50 Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra!

51 Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división.

52 Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres.

53 Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.


Sinais dos tempos (Mt 16, 2-3; 5, 25-26)

54 Dicíalle tamén á xente: Cando vedes que da banda do mar vén unha nube, axiña dicides: "Temos chuvia", e así é.

55 E cando venta do sur, dicides: "Velaí vén o calmizo", e vén mesmo.

56 Hipócritas! Se sabedes interpretar o cariz da terra e mais o do ceo, como non sabedes interpretar o momento presente?

57 E, por que non xulgades por vós mesmos o que cómpre facer?

58 Cando vaias co teu contrario ó xuíz, mira de librarte del polo camiño; non sexa que te arrastre onda o xuíz e este te entregue ó garda para que te meta na cadea.

59 Que de alí seguro que non saes ata que pagues o último céntimo.

Lean sinn:



Sanasan