Lucas 11 - Biblia SEPTA Oración (Mt 6, 9-15; 7, 7-11) 1 Dunha vez despois de estar el orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle: Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos. 2 Respondeulles: Cando recedes, dicide: Pai, sexa santificado o teu Nome! Pai, veña o teu Reino! 3 Dános cada día o noso pan. 4 E perdoa os nosos pecados, como tamén perdoamos nós a todo o que nos debe; e non nos sometas á tentación. 5 Logo continuou: Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, 6 que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". 7 E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mais os nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". 8 Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, cando menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar. 9 Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. 10 Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle". 11 Ou logo, que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? 12 Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? 13 Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousa boas ós vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan! Xesús e Belcebul (Mt 9, 32-34; 12, 22-30. 43-45; Mc 3, 22-27) 14 Estaba botando un demo mudo; e cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada, 15 pero algúns deles dixeron: Este bota fóra os demoños co poder de Belcebul, xefe dos demos. 16 Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. 17 Pero el, coñecéndolles o que pensaban, díxolles: Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. 18 Pois ben, se Satán está dividido contra si mesmo, como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. 19 Pero se eu boto os demoños co poder de Belcebul, co poder de quen os botan vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 20 Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus. 21 Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. 22 Pero se chega un máis forte, e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. 23 Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo derrama. Volta do espírito malo (Mt 12, 43-45) 24 Cando o espírito malo sae do home, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín"; 25 e, ó chegar, atopa a casa varrida e ordenada. 26 Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí; resultando que á fin aquel home acaba estando peor do que ó principio. A verdadeira felicidade 27 Mentres el dicía estas cousas, unha muller de entre a xente exclamou en voz alta: Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron! 28 Pero el replicoulle: Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan. O sinal de Xonás (Mt 12, 38-42; Mc 8, 12) 29 A xente xuntábase arredor del e Xesús púxose a dicirlles: Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. 30 Pois coma Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do Home para esta xeración. 31 A reina do Sur enfrontarase no Xuízo con estes homes, e fará que os condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. 32 Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse cando escoitaron a predicación de Xonás; e aquí está quen é máis ca Xonás. A lámpada (8, 16; Mt 5, 15; 6, 22-23; Mc 4, 21) 33 Ninguén acende unha lámpada para metela nun recuncho ou debaixo dun cazolo, senón enriba dun candeeiro, para que cantos entren vexan a luz. 34 A luz do teu corpo é o teu ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero se está malo, tamén o teu corpo estará na escuridade. 35 Mira ben, logo, que a luz que hai en ti non sexa realmente escuridade. 36 Se o teu corpo está alumado, sen traza de escuridade, estará resplandecente coma cando a candea te aluma relucente. Contra os fariseos e xuristas (20, 45-47; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40) 37 Mentres falaba, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou e púxose á mesa. 38 O fariseo estrañoulle que non se lavase antes de comer. 39 Pero o Señor díxolle: Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. 40 Sodes parvos! O que fixo o de fóra, non fixo tamén o de dentro? 41 Pois logo, dade en esmolas o que hai dentro, e veredes como tódalas cousas serán limpas para vós. 42 Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por tódalas verduras, e deixades a un lado a xustiza e mais o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro. 43 Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas, e porque vos fagan reverencias nos rueiros! 44 Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven, e que a xente pisa sen se decatar! 45 Entón un xurista, tomando a palabra, replicoulle: Mestre, dicindo esas cousas, tamén nos aldraxas a nós. 46 El contestoulle: Ai tamén de vós, os xuristas, porque botades enriba dos homes fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades! 47 Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns ós mesmos profetas que asasinaron vosos pais! 48 Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais: eles asasinaron e vós facedes os panteóns. 49 Por iso dixo a Sabedoría de Deus: "Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros"; 50 de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido desde a Creación do mundo: 51 desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o Altar e o Santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración. 52 Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar ós que querían entrar. 53 E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron a encirralo, tirándolle da lingua, 54 para ver se o pillaban no que dicía. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)