Lucas 1 - Biblia SEPTPrólogo 1 Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, 2 tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, 3 decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, 4 A fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron. NACEMENTO E VIDA OCULTA DE XOÁN BAUTISTA E DE XESÚS Anuncio do nacemento de Xoán 5 Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Isabel. 6 Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos. 7 Non tiñan fillos, por ser Isabel estéril e estaren os dous moi entrados en anos. 8 E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio diante de Deus, segundo a quenda do seu grupo, 9 entrou no Santuario do Señor, conforme o ritual, para ofrecer o incenso, 10 mentres a xente do pobo facía oración fóra. 11 Nisto, á dereita do altar do incenso, de pé, aparecéuselle un anxo do Señor. 12 Zacarías, ó velo, turbouse todo, cheo de temor. 13 Mais o anxo díxolle: Acouga, Zacarías, que se escoitou a túa petición, e Isabel, a túa muller, vaiche dar un fillo, e vaslle chamar Xoán. 14 Será para ti gozo e alegría, e moitos se alegrarán co seu nacemento. 15 Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. 16 Converterá a moitos fillos de Israel ó Señor, o seu Deus. 17 Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais con fillos, ensinarlles ós rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor. 18 Preguntoulle Zacarías ó anxo: E como me constará iso a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos? 19 O anxo respondeu: Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus e mandoume para falar contigo e darche esta boa nova. 20 E fíxate ben: vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo. 21 E, mentres, o pobo esperaba por Zacarías, sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. 22 Cando por fin saíu, sen lles poder falar, comprenderon que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles acenos, permanecendo mudo. 23 E, cando rematou o tempo do seu ministerio, foise para a súa casa. 24 Días despois, concibiu a súa muller Isabel, que se ocultou durante cinco meses. E dicía para si: 25 Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta vergonza diante da xente. O anuncio do nacemento de Xesús (Mt 1, 18-21) 26 Os seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, 27 onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. 28 Entrando onde estaba ela, díxolle: Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo. 29 Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. 30 O anxo continuou: Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; 31 e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. 32 Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; 33 reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin. 34 María respondeulle ó anxo: E como pode ser isto, pois eu son virxe? 35 O anxo replicoulle: O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. 36 Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, 37 que para Deus non hai imposibles. 38 María contestou: Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches. E o anxo marchou de onda ela. María visita a Isabel 39 Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. 40 Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. 41 E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, 42 exclamou Isabel, a grandes voces: Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. 43 Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? 44 Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. 45 Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor! O Magníficat 46 Entón María exclamou: A miña alma proclama a grandeza do Señor, 47 e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, 48 porque reparou na súa humilde escraviña. Velaí: desde agora tódalas xeracións me van felicitar. 49 Marabillas o Poderoso fixo en min! O seu nome é Santo; 50 A súa misericordia chega xeración tras xeración a todos os que o temen. 51 Manifesta o poder do seu brazo, desbaratando os plans dos soberbios. 52 Derruba do seu trono ós poderosos, e fai subir os humildes; 53 ós famentos éncheos de bens, e ós ricos despídeos baleiros. 54 Ampara a Israel, o seu Servidor, lembrándose da súa misericordia, 55 conforme prometera a nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre. 56 María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa. Nacemento de Xoán Bautista 57 Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu á luz un fillo. 58 En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. 59 Ós oito días levárono a circuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai. 60 Pero interveu a nai dicindo: Non, chamarase Xoán! 61 Eles replicaron: Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así! 62 Preguntáronlle por sinais ó pai, como quería que se chamase. 63 El pediu con que escribir e puxo: Xoán é o nome do meniño. Todos ficaron sorprendidos. 64 E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. 65 Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. 66 Todos os que o oían, dicían moi impresionados: "Que vai ser deste neno?" Porque a man de Deus estaba con el. 67 Zacarías, o pai, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo: 68 Bendito sexa o Señor, Deus de Israel porque veu visitar e redimir o seu pobo, 69 suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, 70 conforme prometera desde antigo por boca dos seus santos profetas: 71 que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; 72 que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza, 73 tal fora a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, concedéndonos 74 que, libres das mans do inimigo, o sirvamos sen temor, 75 en santidade e xustiza, diante del, todos os días mentres dure a nosa vida. 76 E a ti, meu meniño, hanche chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, 77 Anunciándolle a salvación ó seu pobo mediante o perdón dos pecados, 78 pois pola misericordia entrañable do noso Deus amencerá desde o ceo un sol para nós: 79 luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte para guiar os nosos pasos polos camiños da paz. 80 O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)