Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 4 - Biblia SEPT


Sacrificios de expiación

1 O Señor díxolle a Moisés:

2 —"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Calquera que peque, sen o saber, contra un mandamento de Iavé, facendo algo que El privou de facer, entón:

3 Se o que peca é o Sumo Sacerdote, o unxido —que, como tal, fai culpable ó pobo—, ofrecerá polo pecado cometido en prexuízo do pobo un xato de boi sen chata á honra do Señor.

4 Levará o xato diante do Señor á porta da Tenda do Encontro, imporá a súa man sobre a cabeza do becerro, e sacrificarao alí diante do Señor.

5 O sacerdote, o unxido, collerá do sangue da vítima e entrará na Tenda do Encontro.

6 Mollará o sacerdote os seus dedos no sangue e asperxerá con el sete veces de cara ó veo do santuario.

7 Tinguirá despois o sacerdote co sangue as esquinas do altar do incenso recendente, que está diante do Señor na Tenda do Encontro, e todo o resto do sangue da vítima verterao ó pé do altar dos holocaustos, situado no limiar da Tenda do Encontro.

8 Collerá logo toda a graxa do xato do sacrificio expiatorio, tanto a que envolve as entrañas, coma o unto dos intestinos,

9 os dous riles coa graxa que os envurulla, a que ten nas illargas e a membrana que envolve o fígado e os riles,

10 e dun xeito semellante a como se fai co becerro do sacrificio de comuñón, o sacerdote queimarao no altar dos holocaustos.

11 Emporiso a pelica do xato, toda a súa carne, a cabeza, as patas, as entrañas e excrementos,

12 todo o resto do becerro será levado fóra do campamento a un lugar puro, onde se botan as cinsas: alí será queimado enriba da leña. O becerro será queimado no mesmo lugar onde se botan as cinsas.

13 Se quen peca é toda a comunidade de Israel, pero non se decata a comunidade de que fai algo que o Señor privou de facer,

14 cando a comunidade se decate do pecado cometido, ofrecerá polo pecado un xato. Presentarao diante da Tenda do Encontro.

15 Os patrucios da comunidade imporán as súas mans sobre a cabeza do xato diante do Señor, e sacrificarano diante do Señor.

16 O sacerdote, o unxido, levará do sangue da vítima para a Tenda do Encontro,

17 mollará os seus dedos no sangue e asperxerá con el sete veces de cara ó veo,

18 tinguirá con sangue as esquinas do altar, que está na Tenda do Encontro diante do Señor, e verterá todo o resto do sangue ó pé do altar dos holocaustos, que está no limiar da Tenda do Encontro.

19 Recollerá toda a súa graxa e queimaraa no altar,

20 facendo con esta vítima como fixera co xato do sacrificio expiatorio. O sacerdote fará con el a expiación pola comunidade e serán perdoados.

21 Levará o xato fóra do campamento e queimarao, como queimaran o xato anterior, como sacrificio de expiación polo pecado da comunidade.

22 Se o que peca é un xefe, facendo algo sen se decatar de que Iavé, o seu Deus, o privou de facer,

23 cando se decate de que cometeu un pecado, ofrecerá como sacrificio un chibo, macho sen chata.

24 Imporá a súa man sobre a cabeza do chibo, e sacrificarao no lugar adoitado para matar as vítimas do holocausto diante do Señor, pois é un sacrificio expiatorio.

25 O sacerdote collerá do sangue do animal e cos seus dedos tinguirá as esquinas do altar dos holocaustos. O resto do sangue verterao ó pé do mesmo.

26 Despois queimará todas as graxas no altar, como fixera co unto do sacrificio de comuñón. Desta maneira expiará o sacerdote polo seu pecado, e seralle perdoado.

27 Se o que peca é un calquera do pobo, facendo, sen decatarse, algo que o Señor privou de facer,

28 cando se decate de que cometeu pecado, ofrecerá como sacrificio, unha cabra, femia sen chata, para expiar polo pecado cometido.

29 Imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificará a cabra no lugar dos holocaustos.

30 O sacerdote collerá do sangue da cabra e cos seus dedos tinguirá as esquinas do altar dos holocaustos e o resto do sangue verterao ó pé do altar.

31 Separará toda a súa graxa, como fora separada a graxa do sacrificio de comuñón, e queimaraa o sacerdote no altar como recendo para o Señor. O sacerdote expiará por el, e seralle perdoado.

32 Se ofrece un año como sacrificio polo seu pecado, presentará unha femia sen chata.

33 Imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificaraa en expiación no lugar no que se adoita matar as vítimas do holocausto.

34 O sacerdote collerá do sangue, e cos seus dedos tinguirá con el as esquinas do altar do holocausto, e todo o sangue restante verterao ó pé do altar.

35 Recollerá toda a graxa, como fixera coa graxa do año do sacrificio de comuñón, e queimaraa no altar, xunto coas vítimas queimadas ó Señor. O sacerdote expiará así pola tal persoa, por causa do seu pecado, e seralle perdoado.

Lean sinn:



Sanasan