Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 27 - Biblia SEPT


Votos e tributos

1 Faloulle o Señor a Moisés:

2 —"Dilles ós fillos de Israel: Cando alguén queira cambiar un voto que fixo, consagrando unha persoa ó Señor, poderao rescatar conforme o seu valor.

3 A valoración será a seguinte: se o voto é por un varón que ten entre vinte e sesenta anos de idade, o prezo será de cincuenta siclos de prata dos do santuario;

4 se é por unha muller da mesma idade, o prezo será de trinta siclos.

5 Se o varón ten entre cinco e vinte anos, o valor será de vinte siclos; se é muller, será de dez siclos.

6 Se é un neno dun mes a cinco anos, o valor será de cinco siclos de prata, se é home; e de tres siclos de prata, se é muller.

7 Se a persoa consagrada ten de sesenta anos para arriba, o valor será de quince siclos, se é home; e de dez, se é muller.

8 Se o que fixo o voto fose pobre e non pode pagar o valor taxado, preséntese ó sacerdote, que o valorará conforme as súas posibilidades.

9 Se o voto que se fixo foi dunha res, todo canto se lle ofreza ó Señor do animal será sagrado:

10 non poderá ser cambiado nin trocado por outro, nin mellor nin peor. Se alguén troca un animal por outro, ámbolos dous serán sagrados, tanto o trocado coma o outro.

11 Se o animal ofrecido ó Señor fose impuro e non servise para ser inmolado como sacrificio, será presentado ó sacerdote,

12 que o taxará coma bo ou malo: o seu prezo será o que lle taxe o sacerdote.

13 Se o que o ofreceu en voto o quere rescatar, dará por el un quinto máis do prezo taxado.

14 Se alguén fai ofrenda da súa casa ó Señor, o sacerdote fixará o seu valor, moito ou pouco. O valor que lle poña, será considerado xusto.

15 Se o que a ofreceu a quere rescatar, pagará por ela un quinto máis do prezo taxado, e será del.

16 Se alguén fai ofrenda ó Señor dalgunha herdade do seu patrimonio, será valorada segundo os ferrados de semente: cincuenta siclos de prata por cada ferrado de semente de cebada.

17 Se ofreceu a herdade no ano do Xubileu, dará o prezo total;

18 se foi despois do Xubileu, o sacerdote contará os anos que faltan ata o Xubileu seguinte e descontará do valor taxado o que corresponda ós anos pasados.

19 Se o que a ofreceu a quere rescatar, pagará un quinto máis do prezo taxado en siclos de prata, e será del.

20 Se o que ofrece a herdade non a rescata e se se vende a outro, non terá dereito a rescatala máis;

21 pero cando chegue o Xubileu, quedará libre e será considerada como sagrada para o Señor, como se fose un eido con interdito, e pasará a ser propiedade do sacerdote.

22 Se o eido consagrado ó Señor fose comprado, non herdado,

23 o sacerdote taxará o seu valor conforme o número de anos ata o Xubileu, e, pasado ese prezo, nese mesmo día será sagrado para o Señor.

24 No ano do Xubileu o eido volverá ó dominio do primeiro que o vendera, porque era parte da súa herdanza.

25 Toda valoración se fará conforme o valor do siclo do santuario, cada siclo vale vinte óbolos.


Os primoxénitos

26 A primeira cría do gando, que por ser primoxénito pertence ó Señor, non poderá ser ofrecida como voto, será xa do Señor, sexa tenreiro, sexa de gando miúdo.

27 Se fose animal impuro, poderase rescatar polo prezo avaliado, engadíndolle un quinto; pero se non se rescata, venderase polo prezo taxado.


O anatema

28 Calquera ofrenda en anatema que alguén lle fai ó Señor de todo canto lle pertence, persoa, animal ou terra, non se poderá vender nin rescatar: será totalmente consagrada ó Señor.

29 Nin sequera un ser humano, que foi ofrecido en anatema ó Señor, poderá ser rescatado: terá que morrer.


Os décimos

30 O décimo enteiro, tanto da terra coma da semente da terra ou do froito das árbores, será do Señor: é cousa sagrada para Iavé.

31 Se alguén quere rescatar o seu décimo, pagará un quinto máis do prezo avaliado.

32 Todo décimo de gando grande ou pequeno, é dicir, cada décima cabeza que pase por debaixo do caxato, será consagrado ó Señor.

33 Non se escollerá entre bo ou malo, nin se poderá trocar. Se alguén o cambiase, tanto o animal trocado coma o outro serán sagrados, non se poderán rescatar".

34 Estes son os mandamentos, que o Señor lle ordenou a Moisés para os fillos de Israel no monte Sinaí.

Lean sinn:



Sanasan