Levítico 24 - Biblia SEPTO Candelabro e os pans da proposición 1 O Señor faloulle a Moisés: 2 —"Manda ós fillos de Israel que che traian aceite de oliveira, puro e virxe, para acender o candelabro, e que se manteña sempre aceso. 3 Aharón colocarao pola banda de fóra do veo da Tenda do testemuño, e arderá decote desde a tarde ata a mañá diante do Señor. É lei perpetua para todas as vosas xeracións. 4 Disporás as candeas no candelabro de ouro puro, e alumarán decote diante do Señor. 5 Collerás flor de fariña, e farás doce bolos de dúas décimas cada un, 6 e disporalos en dúas filas, seis en cada unha enriba de mesa de ouro puro diante do Señor. 7 Enriba de cada fila porás incenso puro, que será sobre o pan como recendo de lembranza para ser queimado na honra do Señor. 8 Sempre cada sábado renovaralo diante do Señor. Será estatuto perpetuo para os fillos de Israel. 9 Pertencerán a Aharón e ós seus fillos. Só eles o poderán comer no santuario, porque son cousa sagrada, recollida das ofrendas presentadas ó Señor e perténcelles a eles por dereito perpetuo". Castigo do que blasfema 10 Xurdiu entre os israelitas un que era fillo de nai israelita e de pai exipcio, e pelexou cun israelita no campamento. 11 O fillo da muller israelita blasfemou contra o nome de Deus, e por iso foi levado onda Moisés (o nome da nai era Xelomit, filla de Dibrí, da tribo de Dan). 12 Puxérono baixo garda ata que dixese o Señor o que tiñan que lle facer. 13 Faloulle o Señor a Moisés: 14 —"Levade o blasfemo fóra do campamento, que todos os que o oíron lle impoñan as súas mans sobre a cabeza, e que a comunidade toda o mate a pedradas. 15 Despois diraslles ós israelitas: Calquera que aldraxe o nome do seu Deus, cargará co seu pecado. 16 Quenquera que aldraxe o nome do Señor morrerá sen remedio. A comunidade toda terá que o matar a pedradas, sexa estranxeiro sexa nativo. Calquera que aldraxe o nome do Señor será matado. Lei do talión 17 Se algún lle bate a outro ata o matar, será castigado coa morte. 18 Quen mate un animal a golpes, terá que devolver outro: animal por animal. 19 Calquera que lle faga dano ó seu próximo, faráselle a el o mesmo, 20 fenda por fenda, ollo por ollo, dente por dente. O que lle fixo ó outro, faráselle a el do mesmo xeito. 21 O que mata un animal alleo, terá que o pagar; o que mata a un home, tamén será el matado. 22 Haberá entre vós un só xuízo para todos, o mesmo para o forasteiro e para o nativo. Eu son o Señor, Deus de todos vós". 23 Despois de lles falar Moisés ós israelitas, sacaron o blasfemo fóra do campamento e acantazárono todos os fillos de Israel, tal como lle ordenara o Señor a Moisés. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)