Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 2 - Biblia SEPT


Ofrendas

1 Se alguén quere facer unha oblación á honra do Señor, terá que ser de flor de fariña, engadíndolle aceite e botándolle incenso enriba.

2 Deberállela presentar ós sacerdotes, fillos de Aharón. O sacerdote collerá dela unha presa da súa flor de fariña, parte do seu aceite e todo o incenso, e queimarao sobre o altar aceso, como lembranza de recendo para Iavé.

3 O resto da oblación será para Aharón e para seus fillos, como porción máis santa do holocausto á honra do Señor.

4 Cando ofrezas unha oblación cocida no forno, ha de ser un molete de flor de fariña sen fermento adobada con aceite, e boliños sen fermento amasados con aceite.

5 Se a oblación fose fritida na tixola, ha de ser de flor de fariña sen fermento mesturada con aceite;

6 cortarala en rebandas e botaraslle enriba aceite: é unha oblación.

7 Se a túa oblación fose cocida, terá que ser de flor de fariña con aceite.

8 Levarás, pois, ó Señor a ofrenda preparada destas diferentes maneiras e presentaraslla ó sacerdote, que a porá sobre o altar.

9 O sacerdote quitará da oblación a lembranza e queimaraa no altar como holocausto de recendo para o Señor.

10 O resto da oblación será para Aharón e para seus fillos, como porción máis santa do holocausto para o Señor.

11 Toda oblación que lle fagades ó Señor ha de ser preparada sen fermento, porque non se debe queimar en holocausto ó Señor ningunha ofrenda con fermento ou mel.

12 Poderédelas ofrecer como oblación de primicias ó Señor, pero non as queimaredes no altar como recendo para o Señor.

13 Ademais disto, sazonarás con sal toda oblación, endexamais faltará o sal da alianza do teu Deus en ningunha das túas ofrendas. Porás sal por riba de toda oblación túa.

14 Se ofreces oblación de primicias ó Señor, presentarás espigas sen madurar, torradas no lume, debullando os seus grans tenros, como oblación das túas primicias;

15 botaraslles aceite enriba e poraslles incenso, pois é unha oblación.

16 O sacerdote queimará a lembranza, parte dos grans debullados e parte do aceite e todo o incenso, como holocausto para o Señor.

Lean sinn:



Sanasan