Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 19 - Biblia SEPT


Santidade de todo o pobo e de cada un

1 Díxolle o Señor a Moisés:

2 —"Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles: Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus.

3 Cada un respecte a súa nai e a seu pai, e garde os meus sábados. Eu son o Señor, o voso Deus.

4 Non tornaredes os ollos cara ós ídolos, nin vos fagades deuses de metal fundido. Eu son o Señor, o voso Deus.

5 Cando ofrezades un sacrificio de comuñón ó Señor, ofrecede unha vítima que sexa do voso gusto;

6 comerédela no mesmo día en que foi sacrificada ou no día seguinte. O que vos sobre para o día terceiro, queimarédelo no lume.

7 Se algún se atreve a comela no terceiro día, estaría xa corrompida: non será aceptable.

8 Quen coma dela, cargará coa súa iniquidade, por profanar unha cousa consagrada ó Señor: ese tal será exterminado do seu pobo.


Función social da propiedade e respecto polos bens alleos

9 Cando fagades a seitura dos vosos campos, non seguedes todos os recantos do eido, nin fagades a rebusca das espigas caídas.

10 Tampouco non farás a rebusca da túa viña, nin aproveitarás os acios. Serán para o pobre e o forasteiro. Eu son o Señor o teu Deus.

11 Non roubaredes, nin negaredes o prestado, e que ninguén engane ó seu próximo.

12 Non xuraredes en falso no meu nome, sería aldraxar o nome do teu Deus. Eu son o Señor.

13 Non oprimirás, nin espoliarás o teu próximo, nin reterás contigo o xornal do teu obreiro durante a noite ata a mañá.

14 Non maldicirás o xordo, nin lle porás atrancos ó cego: temerás o teu Deus. Eu son o Señor.

15 Non serás inxusto cando xulgues: non favorecerás o feble nin honrarás o poderoso. Xulgarás con xustiza ó teu próximo.

16 Non espallarás calumnias entre os teus conveciños, nin quedarás indiferente cando lle batan ó teu próximo. Eu son o Señor.

17 Non terás odio de corazón ó teu irmán; e reprenderás con decisión o teu próximo, para non cargar co seu pecado.

18 Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus conveciños: amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Eu son o Señor.

19 Gardade os meus estatutos. Non aparearás animais de especies diferentes, nin sementarás no teu eido sementes diferentes, mesturándoas, nin vestirás roupas tecidas con fíos distintos de lá e de liño.

20 Se un home se deita cunha muller, e se ela é escrava e está casada con outro home e non foi redimida aínda nin se lle deu a liberdade, serán azoutados ambos; pero non morrerán, por non estar aínda redimida.

21 Terá que presentar ó Señor polo seu delito, diante da Tenda do Encontro, un carneiro para o sacrificio de reparación.

22 Mediante o carneiro polo delito, o sacerdote expiará por el diante do Señor pola culpa contraída, e seralle perdoado o pecado cometido.

23 Cando deades entrado na terra prometida e plantedes calquera caste de árbores para comer, durante tres anos teredes os seus froitos por incircuncisos: serán profanos para vós, non os comeredes.

24 Todo o seu froito do cuarto ano será consagrado para loanza do Señor.

25 No quinto ano comeredes o seu froito, así aumentará para vós o seu produto. Eu son o Señor, o voso Deus.

26 Non comeredes cousa ningunha con sangue. Non botaredes sortes nin faredes adiviñacións.

27 Non raparedes, a xeito de coroa, a vosa cabeza, nin recortaredes a barba polos lados.

28 Non faredes incisións no voso corpo, en sinal de loito, nin vos faredes tatuar en ningún sitio. Eu son o Señor.

29 Non entregues a túa filla á prostitución, para que non se profane a terra, enchéndose de torpezas.

30 Gardaredes os meus sábados, e respectaredes o meu santuario. Eu son o Señor.

31 Non iredes ós bruxos nin consultaredes os adiviños, contaminándovos con eles. Eu son o Señor, o voso Deus.

32 Poraste de pé ante os cabelos brancos e honrarás a presenza do ancián, temendo o teu Deus. Eu son o Señor.

33 Se un forasteiro vén morar convosco na vosa terra, non o maltratedes,

34 tratádeo coma nativo entre vós, un peregrino máis convosco: amarédelo coma a vós mesmos, porque peregrinos fostes tamén vós no Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus.

35 Non faredes inxustiza nos xuízos: nin no longo nin no peso, nin na medida.

36 Usaredes balanza xusta, pesas boas, efah exacto e hin completo. Eu son o Señor, o voso Deus que vos saquei do país de Exipto.

37 Gardaredes todos os meus mandamentos, e seguiredes todos os meus consellos. Eu son o Señor".

Lean sinn:



Sanasan