Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 18 - Biblia SEPT


Honestidade da vida matrimonial

1 Faloulle o Señor a Moisés:

2 —"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Eu son o Señor, o voso Deus.

3 Non vos comportedes conforme os costumes de Exipto, onde morastes, nin vos afagades ós costumes de Canaán, onde eu vos vou facer entrar, nin vos guiedes alí polas súas leis.

4 Obedeceredes os meus mandamentos, e cumpriredes os meus estatutos, acomodándovos a eles. Eu son o Señor, o voso Deus.

5 Aprenderedes os meus decretos e gardaredes os meus estatutos, e viviredes neles cada un de vós. Eu son o Señor.

6 Ningún de vós se achegará a ningunha persoa consanguínea para lle descubrir a súa nudez. Eu son o Señor.

7 Non descubrirás a nudez do teu pai nin a da túa nai; pois ela é túa nai, non descubrirás a súa nudez.

8 Non descubrirás la nudez da muller do teu pai, pois é a nudez de teu pai.

9 Non descubrirás a nudez da túa irmá, filla do teu pai ou de túa nai; sexa nacida na casa, ou fóra dela, non descubrirás a súa nudez.

10 Non descubrirás s nudez da filla do teu fillo, nin a da filla da túa filla, pois é a túa propia nudez.

11 Non descubrirás la nudez da filla dunha muller de teu pai, xerada polo teu pai: ela é túa irmá.

12 Non descubrirás a nudez da irmá de teu pai: ela é carne do teu pai.

13 Non descubrirás a nudez da irmá da túa nai: ela é carne da túa nai.

14 Non descubrirás a nudez do irmán de teu pai, é dicir, non te achegarás á muller del: ela é túa tía.

15 Non descubrirás a nudez da túa nora: é a muller do teu fillo; de ningún xeito descubrirás a súa nudez.

16 Non descubrirás a nudez da muller do teu irmán: é a nudez do teu irmán.

17 Non descubrirás a nudez dunha muller e da súa filla; nin lle collerás a filla dun fillo seu, nin a dunha filla súa, para descubrir a súa nudez, pois son do seu sangue. Sería unha infamia.

18 Non collerás a irmá da túa muller, pois faríala a súa rival; nin lle descubrirás a súa nudez mentres viva a túa muller.

19 Non te achegarás a ningunha muller nos días da súa menstruación, para lle descubrir a súa nudez.

20 Non te deitarás coa muller do teu próximo: faríaste impuro con ela.

21 Non permitirás que ningún dos teus descendentes adore a Molok, manchando o nome do teu Deus. Eu son o Señor.

22 Non te deitarás con ningún home, coma se fose muller: é unha abominación.

23 Non terás trato sexual con ningún animal: faríaste impuro con el. Ningunha muller se porá diante dun animal para se emparellar con el: é unha perversidade.

24 Non vos contaminaredes con ningunha destas cousas, pois con todas estas cousas se contaminaron as xentes que vou expulsar eu de diante de vós.

25 Por teren contaminado o país, determinei castigar o seu pecado, de tal sorte que a mesma terra foi a que vomitou ós seus habitantes.

26 Vós gardaredes os meus mandamentos e os meus estatutos, e non faredes ningunha destas abominacións: nin os nativos nin os estranxeiros, que moran no medio de vós.

27 Pois todas estas abominacións cometeron os homes deste país, que tendes diante de vós, e contaminaron a terra.

28 Que non vos teña que vomitar esta terra por contaminala, como vomitou as xentes que a habitaron antes ca vós.

29 Calquera que cometa algunha destas abominacións será exterminado do medio do meu pobo, por facer tal cousa.

30 Obedeceredes o que vos mando e xamais non faredes cousa contraria ós meus estatutos verbo das abominacións que se cometeron antes de vós, e non vos contaminaredes con elas. Eu son o Señor o voso Deus".

Lean sinn:



Sanasan