Levítico 14 - Biblia SEPTPurificación do leproso 1 Faloulle o Señor a Moisés: 2 —"Esta é a lei que rexerá para purificar o leproso. Será presentado ó sacerdote. 3 O sacerdote sairá fóra do campamento a esperalo, e examinarao. Se a mancha da lepra desapareceu do enfermo, 4 mandará o sacerdote que o que se quere purificar presente dúas aves vivas puras, pau de cedro, lá escarlata e hisopo. 5 O sacerdote fará matar unha das aves, recollendo o sangue nun vaso de barro con auga corrente; 6 collerá logo a ave viva, o pau de cedro, a lá escarlata e o hisopo, xunto coa ave e mergullaraos co sangue da ave sangrada sobre a auga corrente. 7 Hisopará sete veces ó que se quere purificar da lepra, e despois de o purificar, deixará voar ceibe o paxaro vivo polo aire do campo. 8 O que se purificou, lavará a súa roupa, rapará todo o seu pelo e lavarase na auga, quedando puro de novo. Poderá entrar logo no campamento, pero terá que morar fóra da súa tenda durante sete días. 9 O cabo do día sétimo rapará outra vez todo o seu pelo, da cabeza, da barba, das sobrecellas; en resume rapará todos os pelos, lavará os seus vestidos, bañará todo o seu corpo en auga, e quedará puro. 10 No día oitavo collerá dous años sen chata e unha ovelliña dun ano sen chata, e tres décimos de flor de fariña, mesturada con aceite, coma oblación, e un cuarteirón de aceite. 11 O sacerdote, que fai a purificación, presentará todo isto, xunto co que se vai purificar, diante do Señor na entrada da Tenda do Encontro. 12 De seguida o sacerdote collerá un dos años, e ofrecerao como expiación xunto co cuarteirón de aceite, e, abalándoos ritualmente, presentaraos diante do Señor. 13 Sacrificará o año no lugar en que se adoita facer a expiación e mais o holocausto, isto é, no lugar sagrado, porque tanto o sacrificio de purificación coma o de expiación, son cousas santísimas, e pertencen ó sacerdote. 14 Despois o sacerdote collerá do sangue da vítima de reparación, e untará o lóbulo da orella dereita do que se vai purificar, o dedo polgar da man dereita e a deda do pé dereito. 15 Collerá logo o sacerdote do cuartillo de aceite e verterao na palma da súa propia man esquerda. 16 Mollará os dedos da súa man dereita no aceite que vertera na palma da súa man esquerda, e asperxerá sete veces diante do Señor co aceite dos dedos. 17 Do resto do aceite que sobrou na palma da súa man, porá unha parte no lóbulo da orella dereita do que se vai purificar, no dedo polgar da man dereita do mesmo e na deda do pé dereito, enriba do sangue da vítima. 18 O resto do aceite que lle quede na palma da man, verterao o sacerdote sobre a cabeza do que se vai purificar. Deste xeito fará a expiación por el diante do Señor. 19 De seguida o sacerdote fará o sacrificio de expiación, para lle quitar a impureza ó que se vai purificar, e no cabo ofrecerá o holocausto. 20 Ofrecido polo sacerdote o holocausto e feita a oblación no altar, o sacerdote fará a expiación por el, e quedará purificado. 21 Se o leproso fose pobre e non tivese posibles para ofrecer todo isto, presentará un só año para o sacrificio de reparación, para abalar ritualmente, a fin de facer reparación por si, amais dunha décima de flor de fariña, mesturada con aceite, coma oblación, e un cuartillo de aceite máis; 22 dúas rulas ou dous pombiños, conforme o que dispoña: un como sacrificio expiatorio e o outro como holocausto. 23 No día oitavo levarallos ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, para se purificar diante do Señor. 24 O sacerdote collerá o año para o sacrificio de expiación e o cuartillo de aceite, e fará con eles o xesto de ofrecemento diante do Señor. 25 Despois de sacrificar o año do sacrificio de expiación, o sacerdote collerá do sangue da vítima, e untará o lóbulo da orella dereita do que se vai purificar e os dedos polgares da man e do pé dereitos. 26 Logo verterá parte do aceite na palma da súa man esquerda, 27 e cos dedos da man dereita mollados no aceite vertido na palma da man esquerda, asperxerá sete veces diante do Señor. 28 Despois o sacerdote untará co aceite que lle queda na palma da súa man o lóbulo da orella dereita do que se vai purificar, o dedo polgar da man dereita e a deda do pé dereito, no mesmo sitio que untara co sangue da vítima de reparación. 29 O resto do aceite que aínda lle quede na palma da súa man, verterao o sacerdote sobre a cabeza do que se vai purificar, para expiar por el diante do Señor. 30 Con cada unha das rulas ou dos pombiños, conforme o que dispoña, 31 ofrecerá un como expiación polo pecado, e o outro como holocausto, amais da oblación. Deste xeito o sacerdote expiará diante do Señor polo que se vai purificar. 32 Esta é a lei para quen teña lepra e non tivese posibles precisos para a súa purificación normal". A lepra das casas 33 Faloulles o Señor a Moisés e a Aharón: 34 —"Cando teñades entrado na terra de Canaán, que vos vou dar eu para posesión vosa, e cando castigue eu cunha infección de lepra algunha casa desa terra da vosa posesión, 35 o dono da casa irallo notificar ó sacerdote, dicindo: Coido que na miña casa apareceu unha infección coma de lepra. 36 O sacerdote, antes de entrar para examinar a infección, fará baldeirar a casa, para que nada do que hai dentro se faga impuro, e entrará logo para facer o exame da casa. 37 Se albisca a infección vendo negrexar as paredes da casa, ou aparecen manchas verdellas ou avermelladas e pequenos buraquiños nelas, 38 sairá o sacerdote ata a entrada da casa, e mandaraa pechar durante sete días. 39 No día sétimo o sacerdote volverá a examinala. Se olla que a infección se estendeu polas paredes da casa, 40 mandará arrincar as pedras contaminadas, e faraas tirar fóra da cidade nun lugar impuro. 41 Fará raspar a casa toda arredor, e botar o po raspado fóra da cidade nun lugar impuro. 42 Collerán outras pedras e meteranas no sitio das arrincadas, e botaranlles outro barro ás paredes. 43 Se a infección se estendeu de novo pola casa, malia arrincar as pedras e alisar as paredes con outro barro, 44 o sacerdote entrará para examinala. Se a infección se propagou pola casa, trátase de infección de lepra corrosiva na casa. Será impura. 45 Mandará derrubar a casa e fará arredar para un lugar impuro, fóra da cidade, as pedras, as madeiras, e o barro todo das paredes. 46 Cantos entraran na casa, durante os días que estivo pechada, fixéronse impuros ata á noite. 47 Os que durmiron na casa, terán que lavar a súa roupa, e os que comeron nela, tamén terán que lavar a súa roupa. 48 Con todo, se o sacerdote ó entrar olla que a infección non se estendeu na casa, despois que foron alisadas as paredes, declárea pura, porque desapareceu a súa infección. 49 Para purificar a casa da infección, colla dúas aves, un pau de cedro, lá escarlata e hisopo. 50 Matará unha das aves desangrándoa nun vaso de barro con auga corrente; 51 collerá o pau de cedro, o hisopo, a lá escarlata e a ave viva, e mergullaraos no sangue da ave sangrada na auga corrente, e asperxerá a casa sete veces. 52 Purificará a casa da súa infección co sangue da ave coa auga corrente, a ave viva, o pau de cedro, o hisopo e a lá escarlata. 53 Deixará en liberdade ó paxaro vivo, voando polo campo, fóra da cidade. Así fará a expiación da casa, e quedará pura. 54 Esta é a lei de toda infección de lepra ou de tiña, 55 da lepra dos vestidos, ou da casa, 56 de furunchos, de inflamacións e de manchas, 57 para saber cando unha persoa ou unha cousa é pura ou impura. Esta é a lei acerca da lepra". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)