Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 13 - Biblia SEPT


Diferentes castes de lepra humana 1) Inflamación, furuncho e mancha

1 O Señor faloulles a Moisés e a Aharón:

2 —"Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha branquexada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes.

3 O sacerdote examinará a chaga que aparece na pel do corpo. Se ve que afonda na carne e que o pelo do sitio da chaga branquexou, de seguro que é lepra. Os sacerdotes testemuñarán e declararano impuro.

4 Mais se a mancha da pel fose branquexada pero non aparece máis fonda có resto da pel, e o pelo non branquexou, o sacerdote fará illar o enfermo durante sete días.

5 E examinarao o sacerdote no día sétimo; e se, ó seu parecer, remite a infección sen se estender pola pel adiante, hao recluír por outros sete días.

6 Volverao mirar de novo o sacerdote no día sétimo, e se comproba que a chaga parou e non se estendeu na pel, o sacerdote declararao puro do mal da lepra. Faralle lavar os seus vestidos, e quedará puro.

7 Pero se, despois de o mirar o sacerdote e de o declarar puro, a chaga medrou na pel, terá que ser examinado outra vez polo sacerdote.

8 Se ó miralo ben o sacerdote, ve que a chaga se estendeu na pel, declararao impuro: é un caso de lepra nalgunha das súas castes.


2) Lepra enraizada

9 Cando a alguén se lle vexa unha chaga coma de lepra, será levado ó sacerdote.

10 O sacerdote examinaraa: se observa un tumor branquexada na pel, e se a cor do pelo se torna esbrancuxada aparece a chaga en carne viva,

11 de seguro que é lepra xa vella na pel e na carne. O sacerdote declararao impuro e non o fará encerrar, pois é impuro.

12 Pero se a lepra se estendeu por toda a pel e cubriu todo o corpo do enfermo, da cabeza ós pes, naquelas partes que están á vista do sacerdote,

13 este examinarao: se ve que a lepra cobre todo o corpo, declararao puro da chaga, tornouse todo branco, é puro.

14 Pero cando apareza nel unha chaga en carne viva, quedará impuro.

15 Tan axiña como o sacerdote vexa a ferida en carne viva, declararao impuro, pois a carne viva é impura, de seguro que é lepra.

16 Pero se a chaga en carne viva desaparece e se torna branca, o infectado irá ó sacerdote.

17 O sacerdote examinarao e ó ver que a chaga se tornou branca, declararao puro da chaga, o home é puro.


3) Furuncho

18 Cando alguén tivo na pel un furuncho e sandou,

19 se no sitio do furuncho aparece un tumor esbrancuxado ou unha mancha branquexada avermellada, presentarase ó sacerdote.

20 O sacerdote mirarao. Se a mancha aparece máis fonda na pel e o seu pelo se tornou branco, o sacerdote declararao impuro: é chaga de lepra, que se fixo no furuncho.

21 Pero se ó examinala, o sacerdote ve que non hai nela pelo branco nin é máis fonda cá pel, e pola contra, a chaga aparece máis escura, o sacerdote farao encerrar durante sete días.

22 Se, ó cabo deles, a chaga segue medrando na pel sen deterse, o sacerdote declararao impuro, pois é lepra.

23 Pero se a chaga segue no seu sitio e deixa de medrar, e a brancura non se estende, é un furuncho curado, o sacerdote declararao puro.


4) Queimadura

24 Se no corpo de alguén houbo unha queimadura de lume, e aparece a carne viva no pelado, tornándose branco avermellado, ou soamente branco,

25 examinarao o sacerdote. Se o pelo torna branco e a chaga aparece máis fonda cá pel, seguro que é lepra, que se formou na queimadura. O sacerdote declararao impuro: é chaga de lepra.

26 Pero se ó examinala, o sacerdote ve que non naceu pelo branco na mancha nin é máis fonda cá pel e soamente perdeu un pouco a cor, o sacerdote farao encerrar durante sete días.

27 No día sétimo examinarao o sacerdote. Se ve que se espallou pola pel, declararao impuro: de seguro que é lepra.

28 En troques se a mancha deixou de medrar, non se estendendo pola pel, e a súa cor se tornou pálida, é a bostela da queimadura. O sacerdote declararao puro: é soamente a cicatriz da queimadura.


5) Chagas no coiro cabeludo

29 Cando un home ou unha muller teña unha chaga na cabeza ou na barba,

30 examinará ben a ferida o sacerdote. Se aparece máis fonda cá pel e ten o pelo amarelo e máis raro, será declarado impuro polo sacerdote. Ten a tiña, é lepra da cabeza ou da barba.

31 Pero se o sacerdote ó examinar a chaga da tiña, esta non aparece máis fonda cá pel, nin hai nela pelo negrexo, o sacerdote fará encerrar durante sete días ó que ten a chaga.

32 No sétimo día o sacerdote volverá examinar a chaga. Se non se estendeu nin aparece pelo amarelo, e a chaga non aparece máis fonda cá pel,

33 o enfermo farase rapar todo, agás o sitio da tiña, e o sacerdote farao encerrar durante outros sete días.

34 No día sétimo o sacerdote examinará de novo a chaga. Se non se estendeu nin aparece máis fonda cá pel, o sacerdote declararao puro, e despois de lavar o seu vestido, quedará puro.

35 Se a chaga se estende na pel, despois de ser declarado puro,

36 o sacerdote examinarao de novo. Se aparece na pel a chaga, non precisa o sacerdote examinar se o pelo é amarelo: é impuro.

37 Pero se, ó seu xuízo, a chaga non se estendeu e no sitio nace pelo negro, entón a chaga curou: é puro. O sacerdote declararao puro.

38 Cando a un home ou a unha muller lles aparezan na pel manchas albeiras,

39 que llelas examine o sacerdote. Se na pel del ou dela aparecen manchas entre escuras e albeares, trátase dunha afección lixeira, que xurdiu na pel: é puro.

40 Cando a un home lle cae o pelo da súa cabeza, queda calvo, pero é puro.

41 Se lle cae o pelo da parte dianteira da súa cabeza, é calvo na fronte, pero é puro.

42 Pero se na parte calva, ben de toda a cabeza, ben da parte de diante, aparece unha mancha albeira e avermellada, é unha lepra que lle naceu nos sitios pelados.

43 O sacerdote examinarao, e se o sitio da chaga aparece de cor albeira avermellada, sexa na parte calva da cabeza, sexa na parte de diante, semellante á cor da chaga da lepra da pel do corpo,

44 trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.


Comportamento do leproso

45 O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá gritando: impuro, impuro.

46 Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.


Lepra nos vestidos

47 O vestido no que apareza unha mancha de lepra, tanto se o vestido é de lá coma de liño,

48 sexa no urdido, ou no tecido do liño ou da lá, ou nunha pelica, ou en calquera peza de coiro para vestirse,

49 e se a mancha no vestido ou na pelica ou no urdido ou no tecido ou en calquera peza de coiro é verdella ou avermellada, trátase de mancha de lepra. Terá que ser examinado polo sacerdote.

50 O sacerdote examinará a mancha e fará pechar o obxecto contaxiado durante sete días.

51 No día sétimo volverao mirar o sacerdote. Se ve que a mancha se estendeu no vestido ou no urdido ou no tecido ou na pelica ou en calquera peza de coiro para se vestir, a mancha é lepra maligna: o obxecto é impuro.

52 Queimarase o vestido ou o urdido ou o tecido de lá ou de liño ou calquera peza de coiro no que estea a mancha, pois é lepra corrosiva: será queimado no lume.

53 Pero se, ó examinala o sacerdote, non se estendeu a mancha no vestido, ou no urdido, ou no tecido ou na peza de coiro,

54 o sacerdote ordenará que se lave o obxecto contaminado, e volverao encerrar durante outros sete días.

55 Tornará a examinar a mancha o sacerdote, despois desta lavadura. Se, ó seu xuízo, a mancha non cambiou de cor nin se espallou, será impuro, o obxecto terá que ser queimado no lume, porque está corroído polo dereito e polo revés.

56 Pero se, ó mirala o sacerdote, a mancha, despois da lavadura, aparece descorada, esgazaraa do vestido ou da pelica ou do urdido ou do tecido.

57 Se aínda despois da lavadura se ve que no vestido ou na urdido ou no tecido ou na peza de coiro a mancha se estendeu, terá que ser queimado no lume o obxecto manchado.

58 O vestido, ou o urdido ou o tecido ou a peza de coiro que, ó lavalo, lle desaparece a mancha, lavarase outra vez, e será puro.

59 Esta é a lei acerca da mancha de lepra no vestido de lá ou de liño ou na urdido ou no tecido ou en calquera peza de coiro, cando teña que ser declarada pura ou impura".

Lean sinn:



Sanasan