Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Levítico 11 - Biblia SEPT


Regras da pureza legal (cc. 11-16) Animais puros e impuros

1 Faloulles o Señor a Moisés e a Aharón:

2 —"Faládelles ós fillos de Israel e dicídelles: Estes son os animais que poderedes comer de entre todos os cuadrúpedes da terra:

3 todo o que ten o pé rachado e mais a uña fendida e que remoe, podédelo comer.

4 Pero de entre os que remoen ou teñen as uñas fendidas, non poderedes comelo camelo, que, aínda que remoe, non ten a uña fendida: será impuro para vós.

5 O coello, que remoe, pero non ten o pé fendido, é impuro para vós.

6 A lebre, que remoe, pero non ten o pé fendido, é impura para vós.

7 O porco, que ten o pé rachado e a uña fendida, pero non remoe, é impuro para vós.

8 Non comeredes da súa carne nin tocaredes o seu cadáver: son impuros para vós.

9 De entre os que viven na auga podedes comer aqueles que teñen aletas e escamas, tanto que sexan de mar coma de río.

10 Pero os que non teñen escamas, tanto de mar coma de río, todo réptil acuático e todo ser que vive na auga, serán abominación para vós.

11 Serán abominables para vós, non probaredes a súa carne e teredes noxo dos seus cadáveres.

12 Todo o que non ten aletas nin escamas, será abominación para vós.

13 Teredes noxo, e non comeredes de ningunha das seguintes castes de aves: a aguia, o voitre barbado, aguia de mar,

14 o voitre, o falcón de calquera caste,

15 todas as castes de corvos,

16 A avestruz, a curuxa, a gaivota e todas as castes de gabián,

17 o moucho, o somorgullo e o ibis;

18 o cisne, o pelicano e a grúa,

19 A cegoña, e toda caste de garza, a bubela e o morcego.

20 Todo insecto con ás, que anda en catro patas, será abominable para vós.

21 Con todo, de entre os que voan, poderedes comer soamente aqueles que amais dos catro pés teñen patas para choutar polo chan.

22 Os que poderedes comer son: toda caste de lagostas, de saltóns, cabaliños e grilos.

23 Calquera outro insecto con ás e de catro patas será abominable para vós.

24 Os seguintes animais contaminan: calquera que toque o cadáver dalgún destes bechos quedará impuro ata a tarde.

25 Aquel que leve ó lombo o cadáver dalgún deles, terá que lavar o seu vestido, e quedará impuro ata a tarde.

26 Todo vivente de pata con uña non fendida na punta do seu pé, e que non remoe, será impuro para vós. Quen o toque, quedará impuro.

27 De entre os cuadrúpedes serán impuros para vós todos os plantígrados. Quen toque o cadáver dalgún deles, quedará impuro ata a tarde.

28 O que leve ó lombo o cadáver deles, terá que lavar o seu vestido e quedará impuro ata a tarde.

29 De entre os réptiles serán impuros para vós os que se arrastran polo chan: a donicela, o rato e toda caste de lagartas.

30 O ourizo, o camaleón, o lagarto, a tartaruga e a toupa.

31 Estes serán impuros para vós. Quen toque o cadáver dalgún deles, quedará impuro ata a tarde.

32 E todo aquilo no que caia o cadáver dalgún deles, será impuro. O mesmo que sexa un obxecto de pau coma de tecido, de coiro ou de esparto. En resume, calquera obxecto que sirva para algo, terá que ser metido na auga e quedará impuro ata a tarde. Despois será puro.

33 Se cae dentro dun cacharro de barro, todo canto teña nel faise impuro, e o cacharro terá que ser escachado.

34 Calquera alimento cociñado con auga no cacharro será impuro, e todo líquido potable que haxa dentro do cacharro será impuro.

35 Todo aquilo no que caia o cadáver dalgún destes, farase impuro. Tanto o forno, coma o trespés terán que ser destruídos. Son impuros e como tales os habedes de ter.

36 Con todo, as fontes e as cisternas, é dicir, os depósitos de auga, serán puras, a non ser que as toque algún cadáver destes, que as fará impuras.

37 Se algún destes cadáveres cae enriba dunha semente para sementar, a semente quedará pura.

38 Pero se o gran está mollado e cae enriba del un cadáver destes, quedará impuro para vós.

39 Se morre un animal do que se pode comer a carne, e alguén toca o seu cadáver, quedará impuro ata a tarde.

40 O que coma dese cadáver, terá que lavar o seu vestido e quedará impuro ata a tarde; o que leve ó lombo o cadáver, terá que lavar o seu vestido, e quedará impuro ata a tarde.

41 Todo réptil que anda a rastro polo chan, será abominable: non se pode comer,

42 quen ande a rastro polo chan, quen ande en catro ou máis patas, de cantos se arrastran polo chan en ningún caso comeredes, por ser unha abominación.

43 Non vos contaminedes con ningún réptil, que se arrastra, non vos fagades impuros con el.

44 Pois eu son o Señor, o voso Deus: santificádevos para serdes santos, porque eu son santo. Non vos contaminedes con ningún réptil que se arrastra polo chan.

45 Eu son o Señor que vos fixen subir do país de Exipto, para ser o voso Deus: tendes que ser santos, pois eu son santo.

46 Esta é a lei referente ós cuadrúpedes, ás aves, a toda caste de bechos que viven na auga ou andan a rastro polo chan.

47 Saberedes diferenciar entre o puro e o impuro, e entre os animais que se poden comer e os que non se poden".

Lean sinn:



Sanasan