Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lamentacións 4 - Biblia SEPT


Cuarta lamentación

1 (Alef) Ah, como se enferruxou o ouro, como escureceu o ouro máis fino! As pedras do templo están esparexidas na cabeceira das rúas!

2 (Bet) Os fillos de Sión, gloriosos (e) merecentes de aprecio coma o ouro fino, como son considerados olas de barro, obra das mans do oleiro?

3 (Guímel) Si, os chacais ofrecen os peitos para que mamen as súas crías, (pero) a filla do meu pobo, cruel!, que avestruz do deserto!

4 (Dálet) A lingua dos meniños de leite pégaselles ó ceo da boca coa sede, os rapaciños piden pan, non hai quen llelo reparta.

5 (He) Os que comían manxares saborosos, alentan inando nas rúas, os que foron criados sobre a púrpura, abrazan (agora) o esterco.

6 (Vau) A iniquidade da filla do meu pobo era máis grande có pecado de Sodoma, foi aniquilada nun instante coma ela, sen que nela se movesen as mans.

7 (Zain) Os seus nazireos eran máis puros cá neve, eran máis brancos có leite, o seu corpo era máis vermello cós corais, a súa figura era zafiro.

8 (Het) (Agora) o aspecto deles é máis negro cá ferruxe, non se recoñecen nas rúas, a súa pel está pegada ós seus osos, está reseca coma un pau.

9 (Tet) Foron máis ditosos os mortos pola espada cós mortos da fame. Si, aqueles foron máis valentes sendo acoitelados (cós que) careceron dos produtos do campo.

10 (Iod) As mans das piadosas mulleres coceron a seus propios fillos, que lles serviron de alimento durante a caída da filla do seu pobo.

11 (Kaf) O Señor esgotou a súa furia, librou o incendio da súa ira, prendeu o lume (da súa ira) en Sión, que devorou os seus cimentos.

12 (Lámed) Non creron os reis da terra, nin todos os que reinan no mundo, que o adversario e inimigo entrase polas portas de Xerusalén.

13 (Mem) Por causa dos pecados contra os seus profetas, (e) da iniquidade contra os seus sacerdotes, por verteren no medio dela sangue de xustos,

14 (Nun) andaron cegos polas rúas, lixáronse co sangue vertido, sen que se lles puidese tocar os vestidos.

15 (Sámek) "Apartade! Un impuro!" dicíasenos. "Apartade! Apartade! Non toquedes!" Cando fuxiron tamén andaron errantes. Dicían os pobos: "Non continuarán de emigrantes (aquí)".

16 (Pé) A presenza do Señor mandounos ó abismo (para) non seguir contemplándoos, (pois) non respectaran os sacerdotes, non tiveran piedade dos anciáns.

17 (Ain) Os nosos ollos consumiranse de novo, procurando a nosa axuda en van. Desde as nosas atalaias outeamos por un pobo que non nos poderá salvar.

18 (Sade) Espreitan os nosos pasos, sen podermos camiñar polas nosas prazas. Está preto a nosa fin, cúmprense os nosos días. Si, chega a nosa fin.

19 (Qof) Os nosos perseguidores son máis lixeiros cás aguias do ceo, polos montes perséguennos, no deserto póñennos emboscada.

20 (Rex) O perfume dos nosos narices, o unxido do Señor, está preso nos calabozos de eles, del pensabamos: "A súa sombra viviremos entre os pobos".

21 (Xin) Exulta e énchete de ledicia, filla de Edom, que habitas no país de Us, tamén onda ti chegará a copa, beberala ata espirte de borracha.

22 (Tau) El completou o castigo da túa iniquidade, filla de Sión, non volverá a levarte á catividade. El pasa revista á túa iniquidade, filla de Edom, á débeda do teu pecado.

Lean sinn:



Sanasan