Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lamentacións 3 - Biblia SEPT


Terceira lamentación

1 (Alef) Eu son o home que probou a humillación, o pau da ira do Señor.

2 Conduciume e fíxome camiñar na escuridade e non na luz.

3 Si, volve e revolve todos os días contra min a súa man.

4 (Bet) Consome a miña carne e a miña pel, rompe os meus ósos.

5 Crea a miña ruína e asedia a capital e a súa altura.

6 Faime morar nas tebras coma os mortos dos tempos pasados.

7 (Guímel) Encérrame cun muro arredor e non podo saír, volve pesada a miña cabeza.

8 Clamo en voz alta e pido axuda; El córtalle o paso á miña oración.

9 Pecha o meu camiño con pelouros, volve intransitables as miñas corredoiras.

10 (Dálet) El é para min o oso que axexa, o león nos escondedoiros,

11 que dá voltas arredor dos meus camiños para esnaquizarme e volverme unha desolación.

12 Tensa o seu arco e faime ser o branco das súas frechas.

13 (He) Fai entrar nos meus riles os dardos da súa alxaba.

14 Eu son a burla para todos os pobos, a súa copla de cada día.

15 Fártame de amargura e emborráchame de asente.

16 (Vau) Límame os dentes con croios, esmágame contra o chan.

17 Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,

18 e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".

19 (Zain) Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.

20 Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.

21 Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:

22 (Het) as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco desapareceron as súas misericordias,

23 pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.

24 O Señor é o quiñón da miña herdanza —di o meu corazón—, por isto teño esperanza nel.

25 (Tet) Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.

26 É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.

27 Élle bo ó home cargar co xugo desde a súa xuventude;

28 (Iod) que se sinta só e que estea calado cando o ten que aguantar;

29 que poña a súa boca no po: quizais haxa aínda esperanza!;

30 que ofreza a meixela ó que lle bate e que se farte de oprobios.

31 (Kaf) Certo, o Señor non se afasta para sempre (...);

32 se aflixe, compadécese conforme á abundancia das súas bondades;

33 non oprime de corazón nin aflixe os fillos do home.

34 (Lámed) Cando un esmaga debaixo dos seus pés a todos os prisioneiros do país,

35 cando se torcen os dereitos dun home ante a presenza do Altísimo,

36 cando se lle prexudica a un home no seu xuízo, o Señor non o vai ver?

37 (Mem) Quen é este que falou, e aconteceu? Non llo mandou o Señor?

38 Non sae o mal e o ben da boca do Altísimo?

39 De que se queixa o home? Da vida feliz? De que se queixa o home? Do castigo dos seus pecados?

40 (Nun) Investiguemos o noso comportamento e examinémolo. Convertámonos ó Señor.

41 Levantemos o noso corazón, non as palmas das nosas mans, ó Deus que está no ceo.

42 Nós pecamos e rebelámonos. Ti non nos perdoaches!

43 (Sámek) Cubrícheste de ira e perseguíchesnos, mataches sen teres compaixón.

44 Cubrícheste coa túa nube, para que non pasase a oración.

45 Convértesnos en varredura e esterco, no medio dos pobos.

46 (Pé) Todos os nosos inimigos abren as súas bocas contra nós.

47 A nós tócanos o terror e o foxo, a destrución e a ruína.

48 O meu ollo verte regueiros de bágoas pola ruína da filla do meu pobo.

49 (Ain) Os meus ollos esbagullan, sen pararen, non teñen acougo,

50 Ata que o Señor olle desde arriba e vexa desde o ceo.

51 Os meus ollos quítanme a respiración por causa de todas as fillas da miña cidade.

52 (Sade) Os meus inimigos cazáronme coma un paxariño, sen razón.

53 Quixeron perder a miña vida no pozo, botaron dentro pedras contra min.

54 Cubríronme de auga ata enriba da cabeza. Dixen: "Estou perdido".

55 (Qof) Invoquei o teu Nome, Señor, desde o pozo do abismo.

56 Ti escoitaches a miña voz; non tapaches o teu oído á miña liberación, ó meu clamor de auxilio.

57 Acercácheste o día que eu clamaba a ti. Dixeches: "Non teñas medo".

58 (Rex) Ti, Señor, defendiches a causa da miña existencia, redimiches a miña vida.

59 Ollaches, Señor, a miña opresión, a miña sentencia foi ditada con xustiza.

60 Viches toda a súa vinganza, todas as súas matinacións contra min.

61 (Xin) Escoitaches, Señor, os seus insultos, todas as súas maquinacións contra min,

62 os discursos dos meus adversarios e os seus complots contra min todos os días.

63 Olla atentamente a súa conduta, que eu son a súa cántiga.

64 (Tau) Devólvelles, Señor, o merecido conforme a obra das súas mans.

65 Dálles a cegueira do corazón, que a túa maldición sexa para eles.

66 Persígueos con ira e fainos desaparecer de debaixo do ceo, Señor.

Lean sinn:



Sanasan