Lamentacións 2 - Biblia SEPTSegunda lamentación 1 (Alef) Ai! O Señor coa súa ira envolveu en nubes á filla de Sión. Tirou do ceo na terra o esplendor de Xerusalén. Si, no día da súa ira, non se acordou do estrado dos seus pés. 2 (Bet) O Señor devorou, sen ter compaixón, todos os pasteiros de Xacob, destruíu co seu noxo as prazas fortes da casa de Xudá, emborcallou na terra e profanou o seu reino e os seus príncipes. 3 (Guímel) No ardor da súa ira arrincou todo o poder de Israel, fixo voltar para atrás a súa dereita, lonxe da presenza do inimigo, e incendiou a Xacob con lume flamexante, que devora todo arredor. 4 (Dálet) Tensou o seu arco coma un inimigo, puxo en posición a súa dereita, coma un adversario matou a todos os que antes eran preciosos ós seus ollos, tamén na tenda da filla de Xudá verteu o lume da súa ira. 5 (He) O Señor mesmo foi o inimigo que devorou a Israel, destruíu todos os seus pazos, arrasou as súas prazas fortes e multiplicou na filla de Xudá o choro e o lamento. 6 (Vau) Arremeteu violentamente contra a súa tenda coma contra un escudo, destruíu a tenda do seu encontro, o Señor fixo esquecer en Sión festas e sábados, e rexeitou co furor da súa ira ó rei e ó sacerdote. 7 (Zain) Profanou o Señor o seu altar, desprezou o seu santuario, abandonou no poder do inimigo as paredes dos pazos de Xudá. Lanzouse un berro no templo do Señor coma nun día de lamentación. 8 (Het) Decidiu o Señor destruír a muralla da filla de Sión. Estendeu o cordel (a súa man), non apartou a destrución. El fixo que o terraplén e a muralla dobrasen, derrubáronse a un tempo. 9 (Tet) As súas portas afundíronse debaixo da terra, os seus ferrollos desfixéronse e romperon, o seu rei e os seus príncipes están entre os pagáns. Non hai oráculo ningún. Tampouco os seus profetas atopan revelación do Señor. 10 (Iod) Os anciáns da filla de Sión están sentados no chan, choran, botan po sobre a cabeza, vístense de saco, as mozas de Xerusalén abaixan a cabeza ata a terra. 11 (Kaf) Os meus ollos consómense en bágoas, férvenme as entrañas, o meu humor está polo chan, por causa da ruína da filla do meu pobo, cando vexo os rapaciños e os meniños de peito esmoreceren nas prazas da cidade. 12 (Lámed) Dinlles ás súas nais: "Onde está o pan e mais o viño?"; mentres quedan sen folgos, asasinados, nas prazas da cidade, mentres expiran no seo das súas nais. 13 (Mem) Que testificarei a teu favor? Con que te compararei, filla de Xerusalén? A que te asemellarei para consolarte, virxe, filla de Sión? É grande, grande coma o mar a túa ruína! Quen te curará? 14 (Nun) Os teus profetas proclaman coma revelacións a falsidade e a impostura, non denuncian a túa iniquidade para que poidas volver da catividade. Si, anúncianche coma revelación oráculos de falsidade e sedución. 15 (Sámek) Todos os que pasan polo camiño baten as palmas contra ti, asubían e moven a cabeza cara a ti, filla de Xerusalén: "Esta é a cidade da que se debería dicir: fermosura perfecta, alegría de toda a terra". 16 (Pé) Abren a súa boca contra ti todos os teus inimigos, asubían e renxen os dentes, din: "Tragámola!" Ah, este é o día que esperabamos: xa chegou, xa o vemos! 17 (Ain) O Señor fixo o que se propuxera, cumpriu o seu dito, o que El mandou desde os tempos antigos. Destruíu e non tivo compaixón. O teu inimigo alegrouse de ti, ergueuse o poder dos teus adversarios. 18 (Sade) Que o teu corazón lle pida axuda ó Señor, porque lle falta a muralla á filla de Sión: Verte lágrimas coma un río de día e de noite. Non cedas ante o teu cansazo! Que non descanse a meniña dos teus ollos! 19 (Qof) Levántate, berra durante a noite, ó comezo do cambio da garda. Verte coma auga os teus coidados diante da presenza do Señor. Levanta cara a El as túas palmas, pola vida dos teus meniños, que están esmorecidos de fame nas praciñas de todas as rúas. 20 (Rex) Olla, Señor, e considera a quen tratas deste xeito: as mulleres teñen que devorar os seus fillos, os meniños que aínda maman! O sacerdote e o profeta son asasinados no templo do Señor! 21 (Xin) O rapaz e o vello déitanse por terra nas rúas; as miñas mozas e os meus mozos caen pola espada. No día da túa ira asasinas e degolas sen teres compaixón. 22 (Tau) Convocarás a todos os que me encheron de pavor, coma no día da asemblea, pois no día da ira do Señor non houbo fuxido nin escapado: o meu inimigo acabou cos que eu alimentei e criei. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)