Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lamentacións 1 - Biblia SEPT


Primeira lamentación

1 (Alef) Ah, como senta soíña a cidade, señora dun pobo! Está coma unha viúva, a señora dos pobos, a princesa das cidades está en traballos forzados.

2 (Bet) Chora, chora, durante a noite, e as súas bágoas están sobre a súa meixela. De entre todos os seus amantes non ten un que a console, todos os seus amigos a traizoaron, volvéronselle inimigos.

3 (Guímel) Xudá foi á catividade despois da humillación e da moita servidume. Ela, que reinaba entre as nacións, non atopa lugar de descanso. Todos os que a perseguen pódena coller entre as cercas.

4 (Dálet) Os vieiros de Sión están de loito, por non haber quen vaia á festa. Todas as súas portas están desoladas, choran os seus sacerdotes, as súas mozas están aflixidas; ela mesma ten amargura.

5 (He) Os seus opresores están vitoriosos, os seus inimigos están felices, pois o Señor aflixiuna pola multitude das súas rebeldías. Os seus meniños van á catividade diante do opresor,

6 (Vau) e sairá da filla de Sión todo o seu esplendor. Os seus príncipes son coma corzos que non atopan pasteiro, e camiñan sen forzas diante do perseguidor.

7 (Zain) Xerusalén conmemora os días da súa humillación, a perda da súa patria, a falta de todas as preciosidades que tivo desde antigo, cando o seu exército caía no poder do inimigo sen que ninguén lle axudase. Vena os inimigos e rin da súa desaparición.

8 (Het) Pecou, pecou Xerusalén, por isto vólvese cousa abominable. Todos os que a honraban, desprézana, pois están vendo a súa nudez. Ela chora en voz alta e vírase de costas.

9 (Tet) A súa impureza estaba nas súas saias, non se decataba do que lle viña enriba. Si, caeu desastradamente; non hai quen a console. "Olla, Señor, para a miña miseria Como a aumenta o inimigo!"

10 (Iod) O opresor estendeu a súa man sobre as cousas apetecidas. Si, ve como os xentís entran no seu santuario, si, aínda que ti mandaches que non entrasen na túa asemblea.

11 (Kaf) Todo o seu pobo se lamenta, busca pan, entregan as súas alfaias por comida para cobrar folgos. "Olla, Señor, fíxate ben Que miserable estou!".

12 (Lámed) Fixádevos ben, todos os que pasades polo camiño!: observade e ollade, se hai pena coma a miña pena, coa que o Señor me aflixiu no día da súa ira.

13 (Mem) Mandou lume do ceo e fixo baixar os meus ósos. Estendeu unha rede ós meus pés e fíxome volver para atrás. Deixoume desolada, todos os días na impureza.

14 (Nun) Xa está formado o xugo que as miñas rebeldías consolidaron na súa man. O seu xugo está sobre o meu pescozo, fai tropezar as miñas forzas. O Señor sométeme ó xugo, non aguanto de pé.

15 (Sámek) O Señor botou do medio de min a todos os meus valentes. Convocou contra min a asemblea, para esnaquizar os meus soldados; pisou o Señor no lagar á virxe, filla de Xudá.

16 (Ain) Por isto eu estou chorando, e o meu ollo é unha fonte, porque está lonxe de min o consolador, o que me devolve o alento. Os meus fillos están desolados, porque o inimigo é forte.

17 (Pé) Sión estende as súas mans, non ten quen a console. O Señor ordena ós veciños de Xacob que sexan os seus inimigos. Xerusalén vólvese cousa abominable entre eles.

18 (Sade) O Señor é xusto, porque eu me rebelei contra a súa palabra. Escoitade, pobos todos, e ollade a miña dor: as miñas mozas e os meus mozos foron á catividade.

19 (Qof) Chamei ós meus amantes, pero eles traizoáronme. Os meus sacerdotes e os meus profetas faleceron na cidade. Si, buscade comida para nós, para devolvernos os folgos.

20 (Rex) Olla, Señor, como estou angustiada; ferven as miñas entrañas. O meu corazón retórcese dentro de min, por culpa da miña rebeldía. Fóra, a espada deixa sen fillos; na casa está a mesma morte.

21 (Xin ) Escoitade como choro eu; non teño quen me console. Todos os meus inimigos escoitaron a miña desgraza, alegráronse de que ti o fixeses. Fai ti vir o día que proclamaches e volveranse igual ca min.

22 (Tau) Toda a súa maldade veña á túa presenza e trátaos a eles tal como me trataches a min por todas as miñas rebeldías. Certo, os meus prantos son moitos, e o meu corazón é un noxo.

Lean sinn:



Sanasan