Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 9 - Biblia SEPT


Xob (9-10)

1 Respondeu Xob:

2 —"Abofé, ben sei que é así; pois que dereito podería ter un home ante Deus?

3 Se se puxese a preitear con El, non lle sabería responder unha cousa entre mil.

4 Deus é de sabio entender e moi potente, quen, tras facerlle fronte, lle vai ficar parello?

5 El é quen abala os montes sen que se dean conta, pois conmóveos na súa carraxe;

6 quen remexe a terra no seu alicerce, e as súas columnas abanean.

7 Dálle unha orde ó sol, e xa non sae; encerra as estrelas baixo selo.

8 El só tende os ceos e camiña polo lombo do mar.

9 Fixo a Osa e o Orión as Pléiades e as Cámaras do Sur.

10 El fai cousas egrexias insondables, e milagres a non contar.

11 Se viñese onda min, non o vería; se pasase ó meu carón, non me decataría.

12 Cando El repaña, quen llo fai tornar? Quen lle vai dicir: Para que fas isto?.

13 Deus non ten ninguén por quen reter a súa ira. Debaixo del humíllanse os axudantes de Rahab.

14 Pero quen son eu para lle dar resposta e para escoller contra El as miñas razóns?

15 Aínda que estivese eu no certo, non se dignaría responder: Sería rogarllo ó meu acusador!

16 E se o citase a preito e respondese, non creo que escoitase os meus laios.

17 Asaltaríame coa treboada; amorearía sen motivo as miñas feridas;

18 Non me soltaría nin para coller folgos, enchería a miña alma de amargura.

19 Se é cousa de poder: El é o máis forte! Se é cuestión dun xuízo: quen o chama a dar testemuño?

20 Pois aínda que eu fose inocente, habíame condenar a súa boca; aínda que eu apareza coma honrado, habíame considerar perverso.

21 Son inocente! Que me importa xa da miña vida? A mesma existencia dáme noxo.

22 Que máis me ten! E por iso, eu afirmo: El destrúe do mesmo xeito ó inocente e ó culpable.

23 Cando unha desfeita súbita sementa mortes, búrlase El das mágoas dos coitados.

24 Deixa o país na man dos opresores, encobre o rostro dos xuíces. Se non é El, entón quen é?

25 Os meus días correron máis ca un mensaxeiro fuxiron de min sen probar a boa vida.

26 Esvararon coma gamelas de papiro, coma se lanza a aguia sobre a presa.

27 Se penso: Vou esquecer a miña teima, vou pór boa cara e animarme,

28 Amedóñanme tantas desfeitas; ben sei eu que non me declaras inocente.

29 E se fose culpable para que cansarme en balde?

30 Se me lavase con auga de xabón e limpase con lixivia as miñas mans,

31 debozaríasme na lama e daríame noxo o meu vestido.

32 Pois non é el un home coma min para dicirlle: Imos xuntos a xuízo;

33 non existe un árbitro entre nós, que pouse a súa man sobre entrambos.

34 Que aparte de min a súa aguillada e que o seu terror non me atenace!

35 Daquela falareille sen medo, pois non é recto o que fai comigo.

Lean sinn:



Sanasan