XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 8 - Biblia SEPTBildad 1 Pola súa parte díxolle Bildad o xuhíta. 2 —"Ata cando falarás deste xeito e van ser as túas razóns un vento arroutado? 3 Ia Deus torcer o dereito? Pode o Omnipotente virar a xustiza? 4 Se os teus fillos pecaron contra El, xa os deixou na man do seu crime. 5 Mais se ti voltas cedo a Deus e se lle rogas mercé ó Omnipotente, 6 se estás limpo e es xusto, velará El sobre ti, restaurará o casal ó que tes dereito. 7 Daquela os teus comezos semellarán pequenos e o teu futuro medrará abondo. 8 E se non, inquíreo dos devanceiros e procura no que dexergaron seus pais; 9 pois nós somos de onte e non sabemos e os nosos días son coma a sombra no chan. 10 Pero eles ensinaranche e contaranche, farán xurdir da súa sabenza as palabras. 11 Xermola o papiro fóra do lameiro? Medra o vimbio sen auga? 12 Aínda en gromo e sen cortar, antes doutras herbas esmorece. 13 Tal é o vieiro dos que esquecen a Deus tal se perde a esperanza dun malvado. 14 A súa confianza está posta no po e a súa esperanza nun fío de araña. 15 Afíncase na súa casa, e non se ten en pé; aférrase nela, e non se mantén. 16 Móstrase cheo de zume cara ó sol, bota bacelos polo seu horto; 17 enreda as raigañas polas pedras, apóiase nas rochas. 18 Pero se o arrincan do seu posto, este renega del dicindo: Non o vin xamais. 19 Tal é o remate do seu ledo camiño, e outra planta vén xermolar na terra. 20 De xeito que Deus non refuga o íntegro, como non aferra tampouco a man dos impíos. 21 Pode El aínda encher os teus beizos de sorriso e os teus labios de aturuxos. 22 Daquela irán os teus inimigos cubertos de vergonza; ollas cara a tenda dos impíos, e esta esvaeceu". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)