XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 7 - Biblia SEPT1 O home ten na terra unha duro labor; os seus días son coma os do xornaleiro. 2 Coma o escravo que arela a sombra, coma o xornaleiro que agarda o que gañou: 3 Así herdei eu meses baldeiros e tocáronme en sorte noites de angustia. 4 Penso para min ó deitarme: cando me hei erguer? e desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente. 5 Vestiuse a miña carne de vermes, dunha cotra de terra; a miña pel regaña e supura. 6 Os meus días correron máis axiña cá lanzadeira de tecer e foxen sen esperanza. 7 Recorda ben que a miña vida é vento, e que o meu ollo non verá máis a ledicia! 8 Pois non me dará visto un ollo humano, e cando ti me espreites, xa non estarei. 9 Coma unha nube que se desfai e pasa, así non sobe o que baixa para o Xeol. 10 Non volverá de novo ós seus eidos e o seu lar non saberá máis del. 11 Non hei, por iso, de pórlle freo á boca, e falarei con ánimo angustiado; voume laiar desde o amargor da alma: 12 Son eu o mar ou o dragón mariño para que poñas vixía contra min? 13 Cando penso: vaime aliviar o leito, a miña cama amainará o meu choro, 14 vés ti e arrepíasme cos soños, espántasme con visións de pesadelo; 15 tal que case escollera eu morrer aforcado e prefiren a morte os meus ósos. 16 Xa estou canso! Non vou vivir para sempre: Déixame xa, que son un sopro os meus días! 17 Que é o home para que tanto o consideres, para que del así te ocupes, 18 para que o poñas á proba cada mañá, para estares controlándoo a cada intre? 19 Cando vas tirar a vista de riba de min e me deixarás sequera tragar o cuspe? 20 Se por caso pequei, que é o que che fixen a ti, Garda—homes? Para que me apuntas coma un branco? Por que son para ti unha carga? 21 Por que non perdoas a miña culpa e deixas pasar o meu pecado? Entón podería deitarme no po e por máis que me procurases, xa non existiría". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)