Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 6 - Biblia SEPT


Xob (6-7)

1 Resposta de Xob:

2 —"Oxalá que se pesase a miña dor e se amoreasen as miñas mágoas na balanza!

3 Pesarían máis cás areas dos mares: por iso desvaría a miña lingua.

4 Pois levo en min as frechas do Poderoso e o meu ánimo bebe o seu veleno. Érguense contra min os terrores de Deus.

5 Ponse o burro a ornear cando ten herba? Ou brúa o boi diante do seu penso?

6 Quen xantará sen sal o manxar insulso? E que gusto ten o zume dunha herba?

7 Repúgnalle á miña gorxa nin sequera tocala pois é para min coma un xantar impuro.

8 Oh se chegase a porto a miña demanda e o Señor concedese aquilo no que espero!

9 Decídase por fin Deus a esnaquizarme, retire a man e tronce xa o meu fío!

10 Iso sería para min un consolo; reloucaría ledo a pesar desta dor sen piedade, pois non tería eu renegado das palabras do Santo.

11 Que forzas teño xa para me soster? Cal será o meu remate, para eu ter folgos?

12 Teño por caso a dureza dos penedos? Son de bronce as miñas carnes?

13 Nada hai en min que me poida axudar cando é a mesma sorte a que me foxe.

14 Un home non lle nega a boa lei ó seu amigo nin refuga o temor do Omnipotente!

15 Mais os meus irmáns traizoáronme coma a enxurrada, coma os regueiros cando rebordan a canle,

16 baixando revoltos coa xeada cando neles se fundiu a neve;

17 pero que desaparecen no tempo da seca, e en canto chega a calor, enxoito queda o seu leito.

18 Torcen as caravanas a súa rota, pérdense no deserto e perecen;

19 As caravanas de Temán procúranos, contan con eles os beduínos de Sabá;

20 confundidos pola longa espera chegan alí, e atópanse enganados.

21 Deste xeito fostes vós para min, ollastes o espanto e deuvos medo.

22 Pedinvos eu que me deades nada ou que paguedes suborno do voso peculio,

23 ou que me libredes do meu inimigo, ou me rescatedes da forza dos tiranos?

24 Ensinádeme vós, e eu calarei! Aclarádeme no que ande errado!

25 Como non aceptar un discurso sincero? Pero que valor pode ter unha corrección da vosa boca?

26 Estades aparellando verbas para aldraxar? Non contan as razóns dun home sen esperanza?

27 Vós sodes capaces de botar sortes por un orfo e mesmo de relear por un veciño!

28 Agora estade quedos e escoitádeme: Xuro que non vos estou mentindo na cara!

29 Deixade a teima, non suceda outra desgraza! Abonda xa, que aínda está en xogo o meu dereito!

30 Hai mala lei na miña lingua? Non distingue as razóns o meu padal?

Lean sinn:



Sanasan