XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 5 - Biblia SEPT1 Chama a ver quen che responde! A que santo te vas ofrecer? 2 Pois é a carraxe a que mata ó tolo e a envexa a que dá morte ó parvo. 3 Vin eu un tolo botar raigañas, pero de súpeto podreceulle o casal; 4 os seus fillos non teñen axuda: asobállanos no tribunal da porta sen ninguén que os defenda; 5 un famento calquera cómelles a colleita roubándollela por entre os toxos, e os sedentos zúganlles os seus bens. 6 Pois non agroma de entre o po a maldade nin é que a desgraza xermole da terra; 7 máis ben é o home quen nace para a desgraza, como reloucan as faíscas no aire. 8 Eu no teu lugar rogaríalle a Deus, poría a miña causa nas súas mans. 9 El é quen fai o grande, o insondable, el fai milagres sen conta; 10 quen bota a chuvia sobre a face da terra e envía as augas sobre os terróns; 11 pon no alto ós humildes e os tristes achan nel o seu acougo. 12 El desfai as matinacións dos arteiros para que as súas obras non logren o éxito. 13 El enreda os sabidos nas súas artes precipitando os plans dos falsarios: 14 é polo día, e van dar nas tebras; é mediodía, e apalpan coma á noite. 15 El salva ó pobre dos labios coma espadas, e da man do poderoso. 16 O coitado gaña nova esperanza e tápaselle a boca á iniquidade. 17 Benia o home a quen Deus corrixe: non rexeites a proba do Omnipotente! 18 Porque se el fere, tamén pon a venda; se che dá un golpe, a súa man sándao. 19 Hate librar de seis calamidades e na sétima o mal xa non te atinxe; 20 nunha gran fame céibate da morte e na guerra, do fío das espadas; 21 do azoute da lingua haste reparar, non terás medo ó estrago, se é que chega; 22 rirás do estrago e mais da fame, non temerás as feras da campía; 23 terás concerto cos espíritos das agras e paz coas feras da fraga; 24 saberás o que é paz na túa tenda; percorrerás os eidos sen botares cousa en falta; 25 ollarás como medra a túa familia, será a túa proxenie coma o grelar das leiras; 26 e baixarás rufo á cova na vellez, cal van dar no celeiro os monllos ó seu tempo. 27 Isto é así, que o temos pescudado; xa o escoitaches: agora dálle voltas". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)