XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 42 - Biblia SEPTA derradeira resposta de Xob (40, 3-5; 42, 2-3 c.d. 5-6) 1 Falou Xob respondéndolle a Iavé: 2 —"Confeso que ti o podes todo e non hai designio que che sexa imposible. 3 Quen se arrisca a embazar un plan por ignorancia? Por iso, falaba eu sen tino de prodixios que non coñecía! 4 Escoita o que che vou dicir, preguntareiche para que ti me ensines. 5 Coñecíate eu de oídas, mais agora contémplante os meus ollos, 6 por iso retiro o dito e arrepíntome no po e na cinsa". Epílogo 7 Despois de falar Iavé estas razóns con Xob, díxolle a Elifaz o temanita: —Férveme a ira contra ti e contra os teus dous amigos porque non falastes de min o que é debido, coma o meu servo Xob. 8 Collede logo sete vacas e sete carneiros e ide onda o meu servo Xob, para que os ofreza por vós en holocausto; e que o meu servo Xob pregue por vós, para que eu vos sexa propicio e non faga convosco un escarmento, porque non falastes de min o que era debido coma fixo o meu servo Xob. 9 Foron entón Elifaz o temanita, Bildad o xuhíta e Sofar o namateo e fixeron o que lles mandara Iavé, e El escoitou a Xob. 10 Iavé trocou a sorte de Xob cando intercedía polos seus amigos, e multiplicou polo dobre todo canto Xob puidera ter antes. 11 Chegaron daquela todos os seus irmáns e as súas irmás e todos cantos o coñeceran antes, e comeron con el do pan da casa e déronlle o pésame, consolárono por todas as mágoas que Iavé lle impuxera, e déronlle cadansúa cantidade de diñeiro e aneis de ouro. 12 Bendixo Iavé a fin da vida de Xob máis aínda cós comezos, e chegou a ter catorce mil ovellas, seis mil camelos, mil xugadas de bois e mil asnas. 13 Tivo sete fillos e tres fillas. 14 Chamoulle á primeira "Rula", a segunda "Flor de Camela" e á terceira "Pomo de aromas". 15 Non houbo en toda a bisbarra mulleres tan belidas coma as fillas de Xob, e o pai deulles herdanza coma a seus irmáns. 16 Aínda viviu Xob cento corenta anos despois destes sucesos, e viu os seus fillos, os seus netos e os seus bisnetos. 17 E morreu Xob vello e farto de vida. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)