XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 41 - Biblia SEPT1 O que del se fía engánase, xa dunha ollada queda un derrubado; 2 ninguén hai tan cruel cando o encirran; quen lle fará fronte? 3 Quen bateu con el, e saíu salvo? Nin o primeiro baixo o ceo! 4 Ninguén acalará o seu poder nin a forza vital que é a súa defensa. 5 Quen lle abriu o seu manto exterior ou traspasou a súa dobre coiraza? 6 Quen espalancou as portas dos seus beizos rodeadas de dentes estarrecedores? 7 O seu lombo ten ringleiras de placas seladas con remaches de pedernal, 8 unha a unha encaixadas; nin o aire pasa por entre elas, 9 Apéganse as unhas ás outras, tan trabadas que non se poden separar. 10 O seu esbirro solta faíscas de lume, os seus ollos son coma as pálpebras do abrente. 11 Do fociño sáltanlle muxicas, xorden faíscas de lume; 12 do seu nariz sae fume coma dun crisol aceso e fervente; 13 o seu bafo consome brasas, chóutanlle labaradas do fociño. 14 A forza resídelle no pescozo; diante del baila o medo; 15 ten carnes ben trabadas, fundidas nel, e non remexen. 16 O corazón é sólido coma un croio, dunha peza, coma pedra de moer. 17 Cando el se ergue, tremen os fortes, devalan coma a marea. 18 A espada do que o atope non resistirá, nin lanza, nin dardo, nin frecha, 19 pois para el o ferro é palla e o bronce, madeira podre. 20 Non o axota unha frecha, e as pedras da fonda son para el coma lixos. 21 Para el a maza é estopa, e rise do asubío da azagaia. 22 O seu ventre son tellas afiadas que coma grade de ferro fan regueiros na lama. 23 Fai ferver coma un pote os fondos, deixa o mar coma un botafumeiro; 24 tras el fai lucir un ronsel, e imaxinas que o mar ten unha cabeleira branca. 25 Non hai no mundo quen se lle semelle, alguén coma el, creado sen medo de nada. 26 Fai fronte a canto haxa de elevado; el é o rei de todas as feras". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)