XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 40 - Biblia SEPTConclusión do discurso de Deus (40, 2. 8-14) 1 Engadiu Iavé falando con Xob: 2 —"Quere porfiar o censor do Omnipotente? O que corrixe a Deus, que lle responda!" 3 Respondeulle Xob: 4 —"Eu son un home feble, que che hei responder? porei a miña man sobre a boca. 5 Xa falei unha vez, non replicarei; dúas veces, nada engadirei". 6 Respondeu Iavé a Xob desde o trebón: 7 —"Cingue os teus lombos coma un home; vouche preguntar para que ti me ensines: 8 Vas en verdade anular o meu dereito? Declárasme culpable para saíres ti inocente? 9 Tes ti un brazo coma o de Deus ou atrona a túa voz coma a súa? 10 Anda, vístete de gloria e maxestade, envólvete nun esplendor glorioso! 11 Derrama a furia da túa carraxe, bota unha ollada ós soberbios e abáteos! 12 Olla para os fachendosos e humíllaos, esnaquiza os impíos onde estean, 13 Afúndeos todos a eito no po, encadéaos no máis oculto! 14 Entón tamén eu te hei loar: De certo que a túa dereita che deu o triunfo! Instrución das bestas monstruosas (40, 15 - 41, 26) 15 Mais olla para o hipopótamo, a quen eu fixen igual ca ti; pace na herba coma os bois; 16 pero observa a forza dos seus lombos, a potencia nos músculos do seu ventre. 17 Ergue o rabo coma un cedro, os tendóns das súas coxas entretécense; 18 ten os ósos coma tubos de bronce, articulacións coma varas de ferro: 19 é do mellor que Deus produciu, só o creador pode aplicarlle a espada. 20 Apórtanlle o seu xantar os montes, onde brincan as feras montesías; 21 déitase entre os xuncos, acochado nos caneiros dos pantanos; 22 os lotos fanlle sombra, rodéano os salgueiros do regato. 23 Por máis que o río veña cheo, non se turba, fica confiado aínda que o Xordán lle chegue ós fociños. 24 Quen poderá amarralo de fronte ou furarlle o nariz por máis que estea no cepo? 25 Podes pescar co anzol o crocodilo ou atalo da lingua cunha corda? 26 Podes pasarlle polo nariz unha liña ou perforarlle a queixada cun gancho? 27 Virá onda ti suplicarche ou falarche con lingua agarimosa? 28 Fará trato contigo, para que o recibas coma servo perpetuo? 29 Podes xogar con el coma cun paxaro ou deixarásllelo atado ás túas nenas? 30 Fará comercio del o gremio dos pescadores, poxarano entre os mercadores? 31 Ferirías de dardos o seu coiro ou a súa cabeza con arpóns? 32 Ponlle a túa man enriba: pensa ben na pelexa, e non o farás dúas veces! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)