XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 4 - Biblia SEPTCICLO DA PRIMEIRA DISPUTA (4-14) Elifaz (4-5) 1 Respondeu Elifaz o temanita: 2 —"Se un se atreve a falarche, aturaríalo? Mais quen pode xa frear as palabras! 3 Velaí, ti que ensinaches a moitos e reforzaches tantos brazos febles, 4 que erguiches coas túas palabras ós caídos, e sostiñas os xeonllos que amolecían, 5 cando che chega a ti, xa non o sofres; tócache a ti, e túrbaste. 6 Non é entón a piedade a túa fianza e a túa esperanza o teu vivir honrado? 7 Fai memoria: quen sendo inocente morreu? Onde se viu que perecesen os xustos? 8 O que eu vexo é que os que labran malicias e os que sementan coitas, tamén as collen: 9 co sopro de Deus logo esmorecen, coa treboada da súa ira consómense. 10 Urra o león e brada a cría, os dentes dos cachorros son quebrados. 11 Morre o león sen atopar presa e esparéxense as crías da leoa. 12 Chegoume ás agachadas unha verba, percibiu o meu oído o seu murmurio, 13 nun pesadelo, nas visións noitébregas, cando cae o sopor sobre os homes. 14 Achegáronseme o pavor e o temor, treméronme de medo os ósos todos. 15 Un espírito pasou diante de min; arrepiáronseme na pel os pelos. 16 Estaba alí —eu non o coñecía— unha figura diante dos meus ollos; fíxose a calma; entón oín a voz: 17 Terá un home máis razón ca Deus? Será máis puro o humano ca quen o fixo? 18 Se aínda dos seus servos El non fía e atopa erros mesmo nos seus anxos, 19 canto máis nos que moran en casopas de lama e que teñen no po os seus fundamentos, que se poden esmagar coma a traza! 20 Entre a mañá e a noite esmáganos, morren para sempre sen se decataren; 21 Arríncanlles tamén as cordas da tenda; perecen sen saberen como! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)