XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 39 - Biblia SEPT1 Sabes ti cando pare a cabra montesa? Puideches observar a cerva nas súas dores? 2 Contácheslles os meses de preñez? Sabes cando lles vén o intre do parto? 3 Dóbranse, dan saída ós seus fillos e libéranse das crías. 4 Os pequenos collen forzas e medran, foxen e xa non volven. 5 Quen deixou ceibe ó asno salvaxe, quen lle soltou as cinchas ó onagro, 6 A quen lle dei por eido a estepa por morada as chairas salitrosas? 7 Rise do xentío da cidade, non ten que oír os berros do arrieiro; 8 esculca os montes á procura do pasto, procura o verde onde queira que estea. 9 Vaite querer servir o touro bravo? Pasará a noite no teu cortello? 10 Manteralo da corda no teu suco? Vai el arar as eiras tras de ti? 11 Fíaste del porque ten moita forza e descargas nel o teu traballo? 12 Confías en que torne para recoller o gran da túa eira? 13 As ás da avestruz baten á présa, aínda que non teñan plumas coma a cegoña, 14 cando deixa polo chan os ovos a quecer entre o po 15 e non coida que un pé os pode esmagar ou tripar neles unha fera salvaxe. 16 É cruel cos seus fillos, como se non fosen dela, non lle importa ter sufrido de balde, 17 xa que Deus lle tolleu a Sabedoría e non lle deu parte na intelixencia. 18 Mais cando ergue o voo, burla a cabalo e cabaleiro. 19 Dáslle ti o brío ó cabalo? Revísteslle de crinas o pescozo? 20 Ensínaslle a saltar coma a lagosta? O seu bufido fachendoso é abraiante! 21 Dá patadas de ledicia no chan e lánzase ó encontro das coirazas; 22 rise do medo, e ninguén o aterra, non dá volta ante a espada; 23 por riba del sona a alxaba, a punta da lanza e mais o alfanxe; 24 cun tremer de estrondo corre a terra, non se detén por máis que soe a trompa; 25 cando escoita o clarín responde: ea! de lonxe venta a loita, o bruar dos xefes e o grito de guerra. 26 Es ti quen lle ensina a voar ó falcón, tendendo as ás no vento do Sur? 27 Remonta a aguia por orde túa, e coloca elevado o seu niño? 28 Nas rochas vive e fai a morada, nos curutos das penas ten a súa atalaia; 29 desde alí axexa a presa, os seus ollos pescudan desde lonxe; 30 As súas crías arelan zugar o sangue, e onde haxa cadáveres, alí está". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)