XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 36 - Biblia SEPTDiscurso hímnico (36, 1 - 37, 13) 1 Dixo Elihú de seguido: 2 —"Sopórtame un intre, voute instruír: aínda teño palabras a prol de Deus. 3 Desde lonxe aportarei o meu saber, dareille a razón ó meu Facedor, 4 pois non hai engano nas miñas verbas e tes ante ti a un que as sabe todas. 5 Certo que Deus é poderoso, mais non rexeita ós de conduta sincera; 6 non deixa con vida ós malvados e failles xustiza ós pobres; 7 non afasta os seus ollos dos xustos, cos reis séntaos no trono, exáltaos para sempre; 8 e cando están presos con cadeas, vinculados con cordas que os contristan, 9 ponlles diante as súas obras, os pecados con que se reviraron: 10 ábrelles os oídos á corrección e anímaos para que se arrepintan. 11 Se o obedecen e serven, rematan os seus días felizmente e os seus anos nas delicias. 12 Se non o escoitan, pasarán a Canle da morte, expirarán sen se decataren. 13 Pero os malvados anóxanse rancorosos, non claman socorro cando os encadea. 14 Morre deste xeito a súa alma aínda nova e a súa vida cando son mozos, 15 mais El ceiba ó coitado da súa coita, ábrelle o oído co sufrimento. 16 En canto a ti, ben que te librou da anguria, púxote nun espazo sen estreituras, a túa mesa estaba chea de manxares. 17 Con todo, ti non xulgaches a causa do malvado, negácheste a defender o dereito do orfo. 18 Ten ollo non te seduza a abundancia, non te dobregue unha dádiva copiosa! 19 Nunha liorta con El, hanche valer os teus bens ou todos os recursos da túa riqueza? 20 Non suspires por aquela noite na que pobos enteiros serán arrincados! 21 Gárdate de te volver para o mal, pois xa outrora preferiches rebeldía a sufrimento! 22 Velaquí o Deus que é sublime no seu poder. Quen é o mestre que se lle asemella? 23 Quen lle corrixe a conduta ou quen lle di: Fixeches unha boa!? 24 Lémbrate de loarlle os seus feitos, que toda a xente canta! 25 Todo humano o contempla, todo home o observa desde lonxe. 26 Deus é máis grande do que coñecemos, non hai quen leve a conta dos seus anos, 27 pois El deixa caer as pingas de auga a esvarar como chuvia desde o ceo, 28 orballando desde as nubes petando a chuvieira contra o chan. 29 Quen entende o pendurar das nubes colgantes da súa tenda? 30 Por riba delas esténdese a súa luz, nas raíces do mar pon o seu trono. 31 Por medio delas alimenta á xente dándolles xantar abondo. 32 Coas dúas mans aferra o lóstrego para guindalo dereito contra o branco. 33 Anúnciao por diante o seu tronar, ó encirrar a súa xenreira contra a maldade. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)