XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 35 - Biblia SEPTDiscurso terceiro (33, 31-35 e 35, 2-16) 1 Falou de novo Elihú: 2 —"Coidas que es xusto ó dicires: Levo eu razón e non Deus? 3 E engades: Que proveito tiro eu? En que me axuda o non ter pecado? 4 Vouche responder eu coas miñas verbas, e ós teus amigos tamén. 5 Olla para o ceo e mira; fita as nubes tan altas por riba de ti! 6 Por máis que peques, que mal lle vas causar a El? Por moito que te rebeles, que lle vas facer? 7 Se es bo, que é o que lle dás ou que vai recibir da túa man? 8 Se a alguén danas, é a un home coma ti; e se fas xustiza, é a outro ser humano. 9 Hai quen se laia das moitas opresións e clama socorro ante a forza dos potentes; 10 pero ninguén di: Onde está o Deus que me creou, o que repón as forzas pola noite, 11 que nos dá leccións coas bestas da campía e nos fai máis aleutos cós paxaros do ceo? 12 Outros dan gritos, e ninguén responde diante da soberbia dos malvados. 13 Pero Deus non escoita a vaidade, o Omnipotente non se dá por sabedor. 14 Cando ti dis: Non me atende, xa ten presente o caso: Espera nel! 15 Mais agora, como a súa ira non castiga e non está El a coidar das transgresións, 16 Xob enche a boca con tolemias e amorea as súas verbas sen siso". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)