XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 34 - Biblia SEPTDiscurso segundo 1 Seguía falando Elihú e dixo: 2 —"Sabios, escoitade as miñas verbas, dádeme oídos os que moito sabedes! 3 Igual que a orella pode distinguir palabras e o padal saborea o que come, 4 podemos nós probar o que é dereito recoñecer por nós o que sexa bo. 5 Foi Xob mesmo quen dixo: Son inocente, é Deus quen cambia o meu dereito; 6 Aínda que teño a razón, paso por trouleiro; vou ferido de frecha sen culpa da miña parte. 7 Que home hai coma Xob que beba o escarnio coma auga, 8 sempre de camiño para a xuntanza dos malfeitores, sempre na rúa a carón dos malvados? 9 Di para si: Non trae vantaxe ningunha o darlle gusto a Deus. 10 Por iso, vós, asisados, oíde: lonxe de Deus o ser culpable, lonxe do Omnipotente o obrar inxusto, 11 xa que conforme fai o home así paga, e segundo a súa conduta retribúeo. 12 Abofé que Deus non pode obrar o mal e que o Omnipotente non torcerá o dereito. 13 Quen lle encomendou a El a terra e quen lle decretou o cargo do universo? 14 Con só que El decidise retirar o seu espírito e o seu alento, 15 Afogarían todos os viventes e o ser humano volvería ó po. 16 Se tes entendemento, escoita isto, presta atención ó son das miñas verbas: 17 Podería gobernar quen refuga o dereito? Condenarías ti a quen é xusto e poderoso? 18 Chamarías ti badoco ó rei e diríaslles ós nobres criminais? 19 A El, que cos principais non ten favoritismo, que non se pon da parte do podente contra o pobre, pois todos eles son obra das súas mans. 20 Morren de súpeto á media noite, expiran os podentes e pasan; o forte cede o posto sen que o toque ningunha man. 21 Pois os seus ollos dexergan os vieiros humanos albiscando todos os seus pasos; 22 non hai sombra nin tebras onde os malfeitores poidan acochar, 23 xa que Deus non lle dá ó home un prazo para vir onda El a xuízo. 24 Desfai os violentos sen máis enquisas e no seu posto dálles o cargo a outros, 25 porque pescuda todos os seus feitos trastornándoos de noite ata os esnaquizar; 26 malla neles como se estivesen presos, onde todos os vexan, 27 por deixaren de seguilo e por non matinaren nos seus camiños, 28 facendo chegar a El os salaios dos pobres, facéndolle escoitar os choros dos oprimidos. 29 E se El fica inmóbil, quen o moverá? e cando esconde a face, quen o contemplará, a El que vela sobre as nacións e os homes 30 para que non reine o inicuo nin lle poña trampas ó pobo? 31 Terá Deus que dicirche: Errei, mais non tornarei facer o mal; 32 non vin o que facía, ensíname ti; e se obrei o mal, non o repetirei? 33 Ha de retribuír El coma ti pensas cando condenas, xa que es ti quen decide e non eu? Fala, se tanto sabes! 34 Mais homes asisados hanme responder xunto cos sabios que me escoiten: 35 Xob está a falar do que non sabe e as súas razóns van sen xeito. 36 Deberá ser probado Xob ata o remate por contestar como fan os impíos, 37 pois engade outra culpa ó seu pecado e aínda fai festas diante de nós multiplicando verbas contra Deus". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)