Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 33 - Biblia SEPT


Discurso primeiro

1 Pois ben, escoita, Xob, as miñas razóns atende os meus discursos.

2 Fíxate, estou a abrir a miña boca, o que vai dicir a lingua xa está no meu padal:

3 sonche palabras sabias dun corazón sincero, o que os meus labios falen será enxebre e verdade.

4 Fíxome o alento de Deus e deume vida o sopro do Omnipotente.

5 Se é que podes, respóndeme; prepárate, ponte de pé diante de min:

6 Velaí, para Deus son eu tanto coma ti, tamén eu fun formado da lama.

7 Non te vou arrepiar co meu tremor, non premerá sobre ti o meu peso,

8 pero ti dixeches ante os meus oídos, e eu percibín, este son das túas verbas:

9 Estou limpo e sen delito, son inocente e non teño pecado,

10 mais El procura motivos contra min e cóntame entre os seus inimigos,

11 méteme os pés no cepo, espía todos os meus vieiros.

12 Niso non levas razóns: respóndoche eu, que Deus é meirande có home.

13 Como é que lle fas tal acusación: non respondeu nin a unha das miñas razóns?

14 Deus fala de xeitos moi diversos, só que un non se decata.

15 Nos soños, na visión nocturna, cando cae o sopor sobre os homes ó durmiren no seu leito,

16 Abre entón El os oídos humanos e amedréntaos coa súa represión

17 para afastalos dos seus feitos malos, e preservalos da soberbia humana,

18 Aforrándolles que vaian dar na cova e que as súas ánimas atravesen a Canle da morte.

19 E tamén os corrixe coas dores no leito, cunha agonía dos ósos, que non cesa;

20 nos seus antollos o xantar dálles noxo, a súa boca refuga as lambetadas;

21 mírranselles as carnes ata desaparecer, vénselles os ósos que antes non se vían;

22 A alma achégaselles á cova, a súa vida ós mensaxeiros da morte;

23 mais se encontra algún anxo ó seu carón, un mediador, un de entre os Mil, dos que lle din ó home a súa obriga,

24 terá piedade del e dirá: déixao ceibe, e que non baixe á cova, pois teño eu disposto o seu rescate.

25 Daquela medrará en xuventude o seu corpo e tornarase coma nos seus días mozos,

26 cando lle rogue a Deus, halle ser propicio, verá o seu rostro entre aturuxos, mentres lle anuncia ó home a súa saúde.

27 Cantará diante da xente e dirá: É certo que pequei e torcín o dereito, pero Deus non me deu o merecido;

28 salvoume cando ía dar na cova, e a miña vida viu a luz.

29 Este é o xeito de como actúa Deus unha e outra vez para co home,

30 facéndolle saír a alma da tumba e iluminándoo coa luz da vida.

31 Atende, Xob, e escóitame, fica calado mentres eu che falo;

32 se tes algo que responder, dío, pois gustaríame darche a razón.

33 Pero se non tes, escóitame; cala, e heiche ensinar sabedoría".

Lean sinn:



Sanasan