Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 32 - Biblia SEPT


OS DISCURSOS DE ELIHU (32-37) Prólogo narrativo

1 Deixaron xa os tres homes de responder a Xob, coidando que era inocente.

2 Pero encheuse entón de carraxe o Elihú, fillo de Baraquel o de Buz, do clan de Ram, alporizándose contra Xob, pola súa teima de levar a razón contra Deus.

3 Deulle tamén a xenreira contra os tres amigos, pois non atoparan resposta, deixando a Deus por culpado.

4 Aturara Elihú a Xob mentres aqueles falaban, pois eran os seus maiores,

5 mais ó se decatar que ningún deles tres daba contestación, acendeuse de ira

6 e empezou o seu discurso Elihú, fillo de Baraquel o buzita, dicindo: —"Eu son aínda novo e vós sodes anciáns, por iso tiven reparo e medo de exporvos o meu saber.


Introdución

7 Pensei para min: Xa falarán os de idade; os de moitos anos han mostrar a súa sabenza.

8 Pero é un espírito no home, un alento do Omnipotente, o que dá a intelixencia.

9 Non fai sabio o ser vello nin os anciáns cobran máis xuízo.

10 Coido, logo, que tedes que escoitarme; tamén eu hei expor o meu saber.

11 Vede, eu agardei mentres falabades, e ben atento estiven ás vosas razóns mentres procurabades as verbas,

12 e por máis que vos considerei, ninguén de vós corrixiu a Xob refutando os seus ditos.

13 E non me veñades dicindo: Nós temos a verdade; a el xa o refugará Deus, e non un home.

14 Aínda non discutiu comigo as súas razóns nin vou eu responderlle coas vosas verbas.

15 Achantaron eles sen engadiren ren; Fuxíronlles as palabras.

16 Pero seica vou eu agardar cando eles xa non falan, cando eles fican quedos sen replicar de novo?

17 Voulle contestar da miña parte e exporlle tamén eu o meu saber:

18 que estou cheo de razóns e a inspiración púxame por dentro.

19 Velaquí o meu corazón: é coma viño pechado que fai estoupar os foles novos:

20 hei falar para me dar un respiro, abrirei os meus labios coa resposta.

21 Non me porei da parte de ningún e a ninguén vou agasallar,

22 pois non sei adular; se tal fixese, léveme o creador.

Lean sinn:



Sanasan