XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 31 - Biblia SEPTPrego de descargo 1 Cos meus ollos fixen trato de non andar fitando as mozas. 2 Que sorte garda Deus desde o alto? Cal é a herdanza do Omnipotente desde as alturas? 3 Non é se cadra a desgraza para os inicuos e a perdición para quen fai ruindade? 4 Non está El a albiscar os meus camiños, levando a conta das miñas pegadas? 5 Se levo eu unha conduta va e se me van os pés tralo engano, 6 péseme Deus nunha balanza xusta, e saberá da miña integridade! 7 Se os meus pasos se afastan do camiño e a miña arela se me vai tras dos ollos, ou se me apega algún lixo ás mans, 8 se sementei, que outro detrás o coma! que arrinquen de raíz os meus xermolos! 9 Se o meu corazón se enreda cunha muller ata axexar na porta dun amigo, 10 que moia a miña muller para outro e se deiten os alleos con ela! 11 Pois facer tal sería unha infamia e un delito para levar ó xulgado, 12 un lume que roe ata a perdición e que había consumir todo o meu haber. 13 Se neguei o dereito do meu servo ou da miña criada ó rifaren comigo, 14 que vou facer cando se erga Deus? que lle hei responder cando me pregunte? 15 Quen me fixo no ventre, non o fixo tamén a el? Non formou no seo a entrambos do mesmo xeito? 16 Se lle neguei ó pobre o seu degoiro e deixei que se consumisen os ollos das viúvas; 17 se comín o meu pan gardándome dos outros e o orfo non puido morder nel, 18 —por certo que desde a mocidade o criei coma un pai e o conducín desde a miña infancia—; 19 se ollei alguén esmorecido sen roupa, a algún pobriño sen cobertor, 20 e non me bendiciron os seus lombos cando os quecín coa lá dos meus cordeiros; 21 se alcei a miña man contra un xusto por ver amigos meus no tribunal, 22 que das costas se esgace o meu ombreiro!, que caia o brazo do meu cóbado! 23 Pois había vir o terror de Deus sobre min, e non resistiría a súa maxestade. 24 Endexamais non puxen no ouro a esperanza nin chamei ós lingotes: O meu creto. 25 Non me alegrei por ter moita facenda nin de que fose de peso o meu prestixio. 26 Nunca fitei para o sol no seu cénit, nin para a lúa cando camiña esplendorosa; 27 non cedín á tentación de os adorar botándolles bicos coa man. 28 (Ese é tamén un crime procesable, pois é renegar do Deus de arriba). 29 Non gocei da desfeita dun inimigo, nin relouquei cando o mal o alcanzou, 30 e non deixei pecar a miña boca pedindo contra el a maldición. 31 Ben poden dicir os do meu campamento: Onde hai un que non se fartase da súa carne? 32 O forasteiro xamais pasou a noite fóra, e ó camiñante abrinlle a miña porta. 33 Non encubrín dos homes o meu erro acochando no peto a miña culpa, 34 por non lle ter medo ó xentío; nin por temer a aldraxe do meu clan, calei e non saín á porta. 35 Quen me dera que me escoitase alguén! Velaquí a miña sinatura! Responda o Omnipotente! Que o meu opoñente subscriba o documento! 36 Abofé que habería de levalo no ombreiro e cinguilo coma unha diadema, 37 pois podo darlle conta de todos os meus pasos. Entón achegaríame ata El coma un príncipe! 38 Se a miña agra berra contra min e se choran con ela os seus sucos, 39 se consumín, sen pagar, o seu produto tolléndolles o alento ós parceiros, 40 que no sitio de trigo nazan toxos, e no lugar da cebada crezan xestas!" Aquí rematan as razóns de Xob. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)