XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 30 - Biblia SEPTAgora 1 Agora, en troques, fanme burla rapaces máis novos ca min, fillos daqueles pais ós que eu considerara mesmo indignos de os comparar ós cans do meu rabaño, 2 fillos dos que nin forzas tiñan para servirme, pois perderan os folgos para o traballo. 3 A causa da carestía e da fame estéril van rillando raiceiras pola estepa, pola terra baleira e desolada, 4 recollendo xestas e silveiras e raigañas de uces para se quecer, 5 desbotados de onda as xentes dos casais que berran tras eles coma ós ladróns. 6 Habitaban nas paredes dos barrancos, nas covas da terra e mesmo das penas; 7 gritan por entre os matos facendo as súas xuntanzas nas toxeiras. 8 Xentalla e fillos de ninguén, zorregados para fóra do país! 9 E agora fixeron de min o retrouso das súas cántigas, motivo das súas murmuracións, 10 quérenme mal e afástanse de min e non reparan en cuspirme na cara; 11 cando afrouxou a corda do meu arco perderon ante min todo freo. 12 A miña dereita ergueuse a canalla, faime esvarar os pés, enlóusame o carreiro da ruína; 13 estragan o meu vieiro, procuran que me perda: non hai quen os deteña; 14 entran por unha fenda moi ampla, varrendo coma unha treboada. 15 Vóltanse contra min os medos, esvaece coma o vento a miña dignidade e fuxiu coma nube a miña sorte. 16 Agora derrétese o meu ánimo, acóranme os días da anguria, 17 fura a noite nos meus ósos, non dormen os que me torturan; 18 pois El con violencia cólleme da roupa cíngueme arredor coma o colo da túnica; 19 guíndame despois na lama, xa semello po e mais cinsa. 20 Bérroche socorro!, e non me fas caso; póñome diante de Ti, e nin me consideras. 21 Trocácheste no meu verdugo, con man dura volvícheste o meu inimigo; 22 álzasme ó vento e fasme cabalgalo e déixasme randeado pola galerna. 23 Ben sei eu que me estás a levar cara á morte, adro das xuntanzas de todo canto vive. 24 Non tende a man o que afoga, non berra socorro! na súa desesperanza? 25 Acaso non chorei co coitadiño ou non tiven piedade co pobre? 26 Abofé que, agardando o ben, chegoume o mal e agardando a luz, apareceume a tebra. 27 Reméxenseme as entrañas sen acougo, viñéronme en contra días de tristura; 28 lonxe do sol camiño, facendo o pranto, érgome na reunión pregando axuda; 29 convertinme no irmán dos chacais e no veciño das avestruces; 30 cáeseme a pel denegrida, férvenme os ósos coa febre; 31 tanxe co loito a miña cítola, e a miña frauta acompaña o pranto. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)