Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 3 - Biblia SEPT


A DISPUTA COS AMIGOS (3-27; 29-31) Maldición do nacemento

1 Tras estes feitos abriu Xob a boca, maldicindo o seu día,

2 deste xeito:

3 —"Pereza o día en que nacín e a noite que dixo: concibiuse un varón!

4 Que aquel día se troque en tebra! Non leve conta del Deus desde enriba nin lle resplandeza a luz da alborada!

5 Que o reclamen para si sombras de morte, que pouse enriba del o nubeiro e que o enchan de medo coas eclipses!

6 Que a noite aquela a leve a escuridade, e non a sumen nos días do ano, nin entre na conta dos meses!

7 Que unha tal noite fique estéril! Non haxa nela canto de ledicia!

8 Que a reneguen os que maldín o mar e os prácticos en esconxurar o Leviatán!

9 Que se lle enfusquen os luceiros do amencer, que agarde polo sol e non lle saia, e que non vexa as pálpebras do abrente!

10 Pois non pechou as portas do ventre nin dos meus ollos afastou a coita.


Nacer morto

11 Por que non morrín eu fóra do seo, ó saír do útero non expirei?

12 Por que me atoparon uns xeonllos e por que houbo peitos dos que mamase?

13 Pois agora durmindo descansaría e no meu sono xa tería acougo,

14 xunto cos reis e ministros do país que se constrúen mausoleos

15 ou cos príncipes que recadan ouro, e encheron de prata os seus pazos.

16 Ou ben xa coma o aborto non vivise, coma os meniños que non ollan a luz.

17 Alí remata o rebulir dos impíos e repousan tamén os esgotados.

18 Xunto con eles os encadeados cobran folgos, xa non senten os berros do capataz.

19 O pequeno e o grande alí son un, e o escravo fica ceibe do seu dono.


O cerco de Deus

20 Por que lle deron ó coitado a luz e a vida ó corazón amargado,

21 ós que arelan a morte e non lles vén, que sachan por ela coma por un tesouro;

22 ós que se alegran coa cova e reloucan ó atoparen unha tumba;

23 ó home a quen lle choen o vieiro e arredor del é Deus quen fai o valo?

24 Pois en vez do meu pan veñen salaios e os meus saloucos flúen coma auga.

25 O que máis eu temía veume enriba e o que máis me angustiaba, iso atopoume.

26 Non teño xa sosego nin acougo; non teño paz; asoballoume o asaño!"

Lean sinn:



Sanasan