Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 29 - Biblia SEPT


O RETO DE XOB (29-31) Outrora

1 Proseguiu Xob co seu poema, dicindo:

2 —"Quen me dera volver ós meses de antano, a aqueles días en que Deus me gardaba!

3 Cando a súa lámpada alumaba a miña cabeza e a súa luz atravesaba as tebras;

4 tal como era nos meus días mozos, cando Deus viña facer xuntanza á miña tenda.

5 Cando aínda estaba comigo o Omnipotente e me rodeaban os meus fillos máis novos;

6 cando bañaba os meus pés no leite, e a mesma pedra me daba regatos de aceite,

7 cando saía para a porta da cidade e tiña na praza a miña cadeira fixa.

8 Ollábanme os máis novos e afastábanse, erguíanse e tíñanse en pé os vellos;

9 os principais abstíñanse de verbas, levando a man para os beizos;

10 pousaban a voz os dirixentes e apegaban a lingua ó seu padal.

11 Oído que me escoitaba, dábame parabéns, ollo que me miraba, apoiábame;

12 pois eu ceibaba ó pobre que pedía axuda e ó orfo sen defensa.

13 Botábame bendicións o agoniado, exaltábame o corazón da viúva;

14 por vestido púñame a xustiza, o dereito foi o meu manto e turbante.

15 Eu fun ollos para o cego e pés para o coxo.

16 Eu era o pai dos pobres, preparei a defensa dos que nin coñecía;

17 rompinlle a queixada ó inicuo arrincando dos seus dentes a presa.

18 Pensaba para min: Coma o Fénix morrerei no meu niño, coma os del serán numerosos os meus días;

19 A miña raíz chegará ás augas, o orballo pousará nos meus gallos;

20 A miña sona renovarase comigo na miña man tornará o arco a disparar.

21 Eles oíanme e agardaban, calaban esperando a miña opinión;

22 nada engadían despois de falar eu: bebían coma orballo as miñas razóns;

23 Anceiábanme coma a chuvia temperá, abrían a boca coma para a chuvia serodia;

24 sorría para eles e non daban creto, non deixaban pasar un xesto meu de aprecio;

25 decidía o seu proceder, sentado coma xefe, púñame coma o Rei entre a súa garda, ou coma quen consola ós acorados.

Lean sinn:



Sanasan