Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 27 - Biblia SEPT

1 Seguiu Xob declamando o seu poema:

2 —"Por Deus, que tolleu o meu dereito, polo Omnipotente, que me encheu de tristura:

3 que mentres teña folgos e alento de Deus no meu nariz

4 non han falar en falso os meus labios nin saír mentiras da miña lingua!

5 Lonxe de min o darvos a razón! Deica expirar non cederei na miña integridade!

6 Hei soster a miña inocencia sen afrouxar! Nin por un dos meus días me reprende a conciencia.

7 Que o meu inimigo sexa considerado coma o malvado, e o meu adversario coma o impío!"


Sofar (27, 8-23; 24, 18-24)

8 —"Pois que esperanza lle queda ó rebelde cando fina, cando Deus lle quere arrincar a vida?

9 Escoitará Deus os seus laios, cando a angustia se lle bote enriba?

10 Vaise alegrar no Omnipotente? Chamará a Deus a cada intre?

11 Falareivos do poder de Deus, non vos esconderei o que matina o Omnipotente.

12 Vós mesmos o tedes visto, para que estades entón a facer o parvo?

13 Esta é a sorte do home impío ante Deus, a herdanza que recollen do Omnipotente os tiranos:

14 Se multiplican os fillos é para a espada, os seus xermolos non se han ver fartos de pan.

15 O resto dos que lles queden, hállelos levar a Morte, non lles han facer pranto as súas viúvas.

16 Se amorea coma terróns a prata, e dispón de vestidos coma o barro,

17 gardounos para que os vista o xusto, e o inocente repartirase a prata.

18 Se edificou a súa casa coma un vixía, como constrúe o garda unha casopa,

19 hase deitar rico por vez derradeira: cando abra os ollos, xa non atopa ren.

20 Asáltano os temores polo día e pola noite arrebátao o temporal;

21 Arrómbao o vento do leste e empúrrao do seu lugar;

22 disparará contra el sen piedade por máis que teime fuxir da súa forza;

23 baterá palmas por el e asubiará, para que desapareza do seu posto".

Lean sinn:



Sanasan