XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 24 - Biblia SEPTXob (24, 1-17. 25) 1 Por que non se reserva o Omnipotente os tempos? Por que os que o coñecen non saben dos seus días? 2 Os malvados cambian os marcos dos lindeiros, rouban as greas para os seus pastos; 3 levan o asno dos orfos, collen en prenda o boi da viúva; 4 desbotan ós pobres do camiño e teñen que acocharse os mendigos do país. 5 Coma onagros monteses saen a facer a súa tarefa: a procurar xantar polo deserto, comida para os seus fillos; 6 colleitan pola noite nas agras ou estragan os viñedos dos ricos; 7 déitanse nus, sen vestidos, sen teren nin unha manta cando vai frío; 8 fican enchoupados co orballo das montañas, e por falta de acougo engrúñanse contra as rochas. 9 (Rouban do peito da nai ó orfo, collen en peñor o neno do mendigo). 10 Van espidos, sen roupa, famentos, carrexan as espigas; 11 deitando aceite entre as rodas do muíño e pisando no lagar, pasan sede; 12 saloucan na cidade os moribundos, berra socorro! o espírito dos feridos; mais Deus non atende os seus rogos. 13 Outros son rebeldes contra a luz, que non queren saber dos seus camiños, nin tripan polos seus vieiros. 14 De mañanciña érguese o homicida para matar ó pobre e ó coitado; axexa o ladrón de noite, 15 O ollo do adúltero esculca no solpor, dicíndose: Non me ha ollar ninguén, e vai coa cara tapada. 16 Afura as casas nas tebras. Polo día escondéranse, non queren atoparse coa luz. 17 Para todos eles a mañá é noxenta, móvense ben entre os medos das tebras. 18 Escorre lixeiro pola face das augas, as súas leiras son malditas na bisbarra e ningún traballador se dirixe ás súas viñas. 19 Coma a calor e mais a seca lles rouban a auga ás neves, así fai o Xeol cos que pecan. 20 Esquéceo o ser que o xerou, ninguén recorda xa o seu nome; a maldade é tallada coma unha árbore 21 (asañouse coa estéril e sen fillos, non socorreu á viúva). 22 Favoreceu co seu haber ós violentos, rexurdía cando xa non contaba con vivir. 23 Déixao medrar seguro mais cos ollos El fita os seus camiños. 24 Alzanse en pouco tempo e despois esmorecen, logo arríncanos, múrchanse coma os demais, séganos coma as cristas das espigas. 25 Se non é así, que diga alguén que minto, que demostre que son vas estas palabras!" |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)