XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 23 - Biblia SEPTXob 1 Respondeu Xob: 2 —"Tamén hoxe é rebelde a miña queixa pois a súa man fai pesado o meu xemido. 3 Oxalá soubese eu como o encontrar! Habíame achegar ata o seu trono, 4 para expor a miña causa diante del levando a boca chea de argumentos; 5 coñecería con que razóns responde, sabería o que me ten que dicir. 6 Levaría El adiante o preito pola forza? Non!, que me había de ter en conta. 7 Pois daquela sería un home honrado quen contende con El, gañaría eu de certo a causa para sempre. 8 Mais se torno para o leste, non o atopo; vólvome para o poñente, e non o albisco; 9 procúroo no norte, e non o vexo, vólvome cara ó sur e non o descubro. 10 Mais, dado que El coñece o camiño do meu lar, que me veña probar e hei saír coma o ouro: 11 Mantívose o meu pé na súa pegada, gardei o seu vieiro sen torcerme, 12 non me afastei da orde dos seus labios, no meu seo escondín a súa palabra. 13 Pero se El xa decidiu, quen é capaz de o cambiar? El fai todo canto lle agrada: 14 vai levar a cabo o que me decretou; deste xeito obra sempre. 15 Así fico eu diante del, estarrecido, e cando o penso, cóllolle medo. 16 Tal Deus amoléceme o ánimo túrbame o Omnipotente. 17 Pero non hei calar diante da escuridade, por máis que estea só e que me encubran as tebras. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)