XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 2 - Biblia SEPT1 Foron outro día os anxos presentarse diante de Iavé; chegou con eles tamén Satán e rendeulle acatamento. 2 Preguntoulle Iavé a Satán: —"De onde chegas?" Respondeulle el: —"De dar unha volta pola terra". 3 Díxolle Iavé a Satán: —"E reparaches no meu servo Xob? Home coma el non o hai no mundo, íntegro e xusto, temeroso de Deus e arredado do mal; e aínda se mantén na súa honradez, por máis que ti me teñas aburrido contra el para que o acabe sen motivo". 4 Respondeulle Satán a Iavé: —"A pel pola pel! Por salvar a vida dá o home todo canto ten. 5 Mais ponlle a man enriba e máncao nos ósos e na carne, e xa habías ver se non te maldí na cara!" 6 Díxolle Iavé a Satán: —"Aí o tes! Fai o que queiras con el, pero respéctalle a vida!" Segunda proba 7 Foise o Satán da presenza de Iavé, e feriu a Xob cunha mala praga desde a planta do pé ata a coroa da cabeza. 8 Collendo unha tella estábase Xob rañando, sentado no medio dunha esterqueira. 9 Díxolle a súa muller: —"E aínda te mantés na túa honradez? Maldice a Deus, e morre!" 10 Pero el contestoulle: —"Falas coma unha tola! Se o bo o aceptamos como de Deus, non habemos recibir tamén o mal?" E a pesares de todo isto, non pecou Xob cos seus labios. A chegada dos amigos 11 Souberon tres dos amigos de Xob da desgraza que lle viñera enriba, e saíndo cadaquén do seu lugar —Elifaz o de Temán, Bildad o de Xuh e Sofar de Namat— concertaron de chegar xuntos para lle daren o pésame e consolalo. 12 O ergueren os ollos desde lonxe e non recoñecelo, deron en chorar botando grandes laios; racharon os mantos e espallaron po por riba das cabezas e cara ó ceo. 13 Despois sentáronse no chan ó seu carón sete días e sete noites, sen falarlle nin palabra, pois vían canto tiña de atroz a súa dor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)