XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 19 - Biblia SEPTXob 1 Respondeu Xob: 2 —"Ata cando me estaredes a atormentar, a me esmagar con discursos? 3 Xa van dez veces que me asoballades, e non vos dá vergonza aldraxarme? 4 Aínda que de verdade ande errado, o erro vai comigo! 5 Non será que queredes avantaxarvos á miña conta acusándome por mor da miña desfeita? 6 Sabede que é Deus quen me fai dano, cinguíndome coa súa rede. 7 Berro inxustiza!, pero ninguén responde; pido axuda, pero non me fan xustiza. 8 Choeu o meu carreiro e non podo pasar, encheu de tebras o meu vieiro. 9 Espiume da gloria, arrincoume da cabeza a coroa. 10 Destruíu todo ó meu arredor, e teño que irme; fendeu coma unha árbore a miña esperanza. 11 Acendeu a súa ira contra min e tenme por seu inimigo. 12 Xúntanse as súas bandas para atacar: contra min enlousan a calzada, poñen o campo arredor da miña tenda. 13 Foxen de min os meus irmáns, os meus parentes trátanme coma alleo; 14 boto en falta veciños e coñecidos, esquézome dos que estaban ó meu cargo; 15 trátanme de forasteiro as miñas servas: óllanme cal se fose un estranxeiro. 16 Chamo ó meu escravo e non responde teño que lle rogar eu mesmo; 17 dálle noxo o meu alento á miña muller, fédolles ós meus irmáns; 18 mesmo os picariños me refugan e dan volta cando intento erguerme. 19 Os da serán abóuxanme, os benqueridos rexéitanme! 20 Apégaseme a pel do corpo ós ósos, caen os meus dentes das enxivas. 21 Piedade, piedade, meus amigos, que a man de Deus me feriu! 22 Por que me perseguides coma Deus e non vos dades fartos na miña carne? 23 Se algún día se escribisen as miñas palabras! Oxalá fixesen delas unha inscrición! 24 Que con cicel e chumbo se labrasen para sempre nun penedo! 25 Con todo, eu sei: o meu Liberador está vivo e ó remate hase erguer sobre a terra; 26 despois de ter esgazada a miña pel, aínda sen carnes hei ver a Deus. 27 Eu mesmo o hei ver; hano ver os meus ollos, non os doutro. Esmoréceme o corazón nas entrañas! 28 E se teimades: Como o perseguiremos ou como poderiamos collerlle as voltas? 29 Tende medo da espada! Pois estes son delitos dignos dela; e para que o saibades: hai un xuíz!" |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)