XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 17 - Biblia SEPT1 O meu espírito vital vai esmorecendo, tan só a cova me resta. 2 Para min non hai máis ca aldraxes, entre amarguras consómense os meus ollos. 3 Leva da túa conta a miña fianza! Se non o fas ti quen me vai dar unha man? 4 Se ti ocultaches das súas mentes a razón, non a vas facer medrar agora. 5 (Hai quen fala de herdanzas cos veciños, mentres os ollos dos seus fillos esmorecen). 6 Fixéchesme andar na boca das xentes, un a quen se pode cuspir na cara. 7 Os meus ollos consómense de tristura; os meus membros son xa unha sombra. 8 Os honrados abráianse por iso e o inocente alporízase contra o réprobo. 9 Pero quen ten razón mantense na súa conduta e o de mans limpas colle folgos. 10 Voltade todos vós e vinde, que non penso atopar en vós un sabio! 11 Foxen os meus días na vergonza, estráganse as ansias do meu corazón. 12 Hai quen troca a noite en día, a alborada no canto das tebras! 13 Eu xa non espero ren! O Xeol é o meu lar e estendo nas sombras o meu leito. 14 Dígolle á cova: Ti es o meu pai; miña nai, miña irmá, chámolles ós vermes. 15 Onde ficou a miña esperanza? E a miña felicidade quen a albisca? 16 Vai descender comigo ata o Xeol? Ímonos afundir xuntos na terra?" |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)