Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 16 - Biblia SEPT


Xob (16 -17)

1 Respondeulle Xob:

2 —"Razóns coma estas téñoas oído a milleiros. Valentes consoladores sodes todos vós!

3 Non haberá un límite para as verbas baldeiras? ou que é o que te move a responder?

4 Tamén eu podería parolar coma vós, con tal que estivésedes vós no meu posto. Aparellaría por vós as palabras, abaneando contra vós a testa.

5 Coa miña boca daríavos forza, calmaríavos co mover dos meus labios.

6 Pero se falo, non cede a miña dor e se desisto, non se aparta de min.

7 E agora Deus tenme acabado, destruíu canto era a miña compaña

8 e apértame con gadoupas de ferro; ergueuse coma testemuña contra min e bótame en cara a miña fraqueza.

9 A súa carraxe, chea de furia, esgázame; renxe contra min os dentes; o meu adversario afía os ollos cara a min.

10 En contra miña ábrense bocas; por burla losquéanme na cara; todos se xuntan contra min.

11 Ponme Deus na custodia dos malvados, e bótame nas mans dos criminais.

12 Estaba eu quedo, e esmagoume; colleume do pescozo, e esnaquizoume; colocoume por branco dos seus tiros.

13 Rodeáronme os seus arqueiros, espetoume nos riles sen piedade, espallou polo chan o meu fel,

14 Atravesoume con ferida tras ferida, arremeteu contra min coma un guerreiro.

15 Levo un saco cosido á miña pel e humillei no po o meu vigor.

16 Teño a face vermella de tanto chorar, cóbreme as pálpebras unha negra sombra,

17 por máis que non haxa crime nas miñas mans e sexa sincero o meu rogar.

18 Terra, non encubras o meu sangue e que o meu laio non atope tobo!

19 Aínda está no ceo a miña testemuña; o meu garante, no máis alto,

20 o meu intérprete, o meu amigo ante Deus: diante del choran os meus ollos.

21 Que el dirima entre o home e mais Deus coma se xulga un preito entre home e home!

22 Pois acaban, están contados os meus anos, vou marchar polo camiño sen retorno.

Lean sinn:



Sanasan