Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 15 - Biblia SEPT


CICLO SEGUNDO DA DISPUTA (15-21) Elifaz

1 Púxose a falar Elifaz o temanita:

2 —"Respondería o sabio cun saber que é vento coma se enchese o ventre co Siroco,

3 con razóns sen fundamento, paroladas sen xeito nin dereito?

4 Ti estás a subverter a relixión e búrlaste do rogarlle a Deus.

5 A mala lei inspira a túa boca; escolliches a lingua dos arteiros.

6 Cúlpate a túa boca, que non eu; testemuñan contra ti os teus labios.

7 Fuches ti o primeiro home en nacer? Paríronte antes dos outeiros?

8 Déronche audiencia na asemblea divina? Apañaches alí a Sabedoría?

9 Que sabes ti, que non saibamos nós? Que albiscas ti, que nós non entendamos?

10 Haiche canas de anciáns entre nós, e máis cheos de días có teu pai.

11 Non te abrandan os agarimos de Deus nin a palabra que contigo foi tan lene?

12 Cara onde te arrastra o sentimento e detrás de que se che van os ollos?

13 Revíraste contra Deus coa túa xenreira e botas aldraxes por esa boca.

14 Quen é o home para se ter por puro e como se declara inocente un fillo de muller?

15 Aquel non se fía nin dos anxos; nin os ceos son puros ós seus ollos.

16 Canto máis un ser ruín e corrompido, un mortal que bebe a maldade coma auga!

17 Voute ensinar, ti escóitame; vouche contar o que vin,

18 o que os sabios transmitiron pois non llelo ocultaron os seus mestres;

19 —soamente a eles lles deron o país; non conviviu con eles o estranxeiro—:

20 Decote o impío anda angustiado, e son poucos os anos reservados ó tirano;

21 leva nos oídos o bruar do medo; se pensa estar en paz, cáenlle enriba os bandidos;

22 non imaxina xa poder volver das tebras, téñeno reservado para o coitelo.

23 Vai errante coma pasto dos voitres; sabe ben que o seu final é cousa feita.

24 Amedóñao xa o día sombrío; a anguria e a opresión estreméceno, coma un rei que se prepara ó ataque.

25 Pois estendeu a man contra Deus e desafiou ó Omnipotente:

26 correu de cabeza contra El levando por diante o seu escudo.

27 Porque cubriu de gordura a súa cara e ten ben de lardo os cadrís,

28 habitará en cidades arruinadas, en casas que xa ninguén habita, dispostas a seren moreas de pedras.

29 Non ha enriquecer, nin manter fortuna, nin baixarán á cova os seus haberes.

30 Non fuxirá da sombra, a labarada secará os seus xermolos, lévalle o vento os gromos.

31 (Que non se apoie no baldeiro que engana e que paga con vaidade).

32 Antes de tempo múrchanselle os gallos; e non lle florecen as pólas.

33 Coma o bacelo perderá os seus acios, coma da oliveira desprenderase a súa flor.

34 Pois é erma a xuntanza dos impíos e o lume engole as tendas subornadas.

35 Concebiu a miseria e pariu a maldade; está o seu ventre a preparar o engano".

Lean sinn:



Sanasan