XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 14 - Biblia SEPT1 O home, nado de muller, curto de días, farto de inquedanzas, 2 Agroma coma a flor e logo murcha, e foxe coma a sombra sen deterse. 3 E contra este vixían os teus ollos e chámalo a preitear contigo? 4 Quen tirará o puro do impuro? —Ninguén! 5 Se están determinados os seus días, se depende de ti o número dos seus meses e lle puxeches un valado que non ha de pasar, 6 Aparta del a túa vista, para que acougue! Que, igual có xornaleiro, goce da súa xornada! 7 Unha árbore ten esperanza: se a cortan, aínda se renova, non cesa de botar pólas. 8 Se as raíces avellentan na terra, aínda que morra a cana entre os terróns, 9 ó contacto coa auga torna a agromar e dá ramallos coma unha planta nova. 10 Pero o home, en morrendo, fica inerme; despois de expirar, onde está? 11 Retíranse as augas do mar; consómense e secan os regatos, 12 pero o home que se deitou non rexorde; ata que o ceo desapareza non se ergue, non ha espertar do seu sono. 13 Quen me dera que me acochases no Xeol, que me escondeses mentres non pase a túa ira e que me deses prazo para de min te lembrares! 14 (Se morre o home, volverá a vivir?). Eu ben esperaría todos os días do meu traballo ata que me chegase a vez. 15 Chamaríasme entón e eu respondería; terías saudade da obra das túas mans, 16 pois se daquela controlases as miñas pegadas non habías ter conta dos meus pecados. 17 Selarías nun saquiño as miñas culpas, ou botarías unha man de cal sobre os meus erros. 18 Abofé que mesmo os montes caen a tombos, e as rochas ceden do seu posto; 19 desgasta a auga os pelouros e alaga a riada os terróns da agra. Así ti perdes a esperanza do home, 20 Asobállalo e vaise para sempre; cámbiaslle o rostro e desbótalo. 21 Se os fillos gañan sona, el non o sabe; e se son uns pobriños, el non se decata. 22 Soamente o seu corpo se doe del; por el só fai pranto o seu espírito". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)