XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 13 - Biblia SEPT1 Todo iso xa o viron os meus ollos, escoitárono os meus oídos, e caín ben na conta. 2 O que saibades vós, tamén o sei eu, que en nada vos son menos. 3 Pero quen me dese falarlle ó Omnipotente! O que eu arelo é discutir con El. 4 Vós sodes, abofé, uns cuspe—trolas falaces menciñeiros todos vós. 5 Quen me dese que caledes dunha vez: vindo de vós, sería gran sabedoría! 6 Oíde, por favor, o meu agravio! Entendede a disputa dos meus labios! 7 Ides defender a Deus con falsidades, pronunciándovos no seu favor con engano? 8 Ides darlle vantaxe ou tomar partido ó seu favor? 9 Sentaríavos ben que El vos sondase? Coidades de entrampalo, como se fai cos homes? 10 Por certo que vos había zorregar, se o queredes favorecer ás agachadas! 11 Non vos arrepía a súa maxestade? Non cae o seu medo sobre vós? 12 Os vosos ditos son refráns borrallentos, e as vosas defensas, escudos de arxila. 13 Estádeme calados! Vou falar eu, e que sexa o que queira! 14 Collerei cos meus dentes a miña carne e levarei nas mans a miña vida. 15 Aínda que me dese a morte, xa tería esperanza con tal de defender na súa cara o meu obrar. 16 Iso xa sería para min unha vitoria, pois El non deixa ó impío comparecerlle diante. 17 Escoitádeme atentos esta razón, que a miña declaración chegue ós vosos oídos! 18 Teño ben preparada a miña defensa, pois estou certo de ser o inocente. 19 Quen é o que quere preitear comigo? Pois calar agora sería morrer. 20 Soamente non me fagas dúas cousas, e entón xa non me esconderei de ti. 21 Aparta de min a túa opresión, e que tampouco o teu terror non me espante! 22 Inquíreme despois, e responderei! E, se non, podo eu expoñer, e ti replicas. 23 Cantas son as miñas culpas e pecados? Móstrame ti as miñas faltas e os meus erros! 24 Por que ocultas o rostro e me tes por inimigo? 25 Teimas en amedrentar unha folla que foxe? Vaste pór a perseguir unha palla seca? 26 Pois anotas na miña conta rebelións, fasme levar as chatas da miña mocidade, 27 átasme os pés no cepo e estasme a vixiar cada vieiro, debuxando as marcas dos meus pasos. 28 Bótase a perder coma cousa podre, coma a roupa comesta pola traza. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)