XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 11 - Biblia SEPTSofar 1 E Sofar o namateo empezou a dicir: 2 —"Vai ficar sen resposta tal falabarato? Vai levar a razón o leriante? 3 Vai silenciar ós demais o teu latricar? Habíaste de mofar sen que ninguén se opoña? 4 Ti ben que dixeches: A miña doutrina é limpa, estou diante de ti coma home puro. 5 Mais oxalá Deus falase e abrise os seus labios contra ti! 6 Mostraríache os misterios da Sabedoría, pois ten moitos aspectos o saber; decataríaste entón de que xa tolleu parte da túa culpa. 7 Podes ti, por caso, dexergar o profundo de Deus? Poderaste achegar ata os confíns do Omnipotente? 8 É máis alto có ceo: que lle vas facer ti? Máis fondo có Xeol: que podes ti saber? 9 É máis longo cá terra; é máis ancho có mar. 10 Cando El pasa a conta, encadea e chama a xuízo, quen o disuadirá? 11 Coñece ben á xente falsa; olla a iniquidade sen que ninguén o albisque. 12 Pero o home tolo recobrará o seu siso cando o onagro montés naza desbravado! 13 Mais se ti entras en razón e estendes cara a El as túas mans, 14 se arredas o mal das túas palmas e non cobizas na túa tenda a ruindade, 15 poderás erguer a fronte sen chata, afincarte no chan sen ter medo. 16 Daquela esquecerías as túas mágoas; recordaríaste delas coma de auga pasada. 17 Coma o mediodía xurdiríache a vida e mesmo a tebra trocaríase en abrente. 18 Poderás entón afiuzar, porque existe esperanza, ollar ó teu arredor, e adormecer acougado, 19 pousarte sen que ninguén te espante; e haberá moitos que veñan gañar o teu favor. 20 Mais os ollos dos impíos devecen: perdéuselles o refuxio, quédalles coma esperanza soamente o expirar". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)