XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 10 - Biblia SEPT1 Dáme noxo a vida, vou dar ó vento o meu laio, hei falar con corazón amargo. 2 Heille rogar a Deus: Non me condenes! Faime saber cal é a túa causa contra min! 3 Coidas ti que está ben oprimíresme, e rexeitar a obra das túas mans, mentres favoreces as matinacións dos impíos? 4 Tes ti ollos de carne? Ves ti as cousas como as ven os homes? 5 Son os teus días coma os dos humanos? Son os teus anos coma os do home? 6 Ti, que estás a pescudar na miña chata, que esculcas o meu pecado, 7 por máis que me sabes non culpable e que ninguén se ceiba das túas mans! 8 Esas túas mans fixéronme na olería, todo me moldearon, e vasme agora aniquilar? 9 Lémbrate que me moldeaches de arxila e que me has tornar ó po! 10 Non me vertiches ti coma o leite e coma o queixo me callaches? 11 Vestíchesme de pel e carne tecíchesme con ósos e tendóns; 12 déchesme a vida, tivéchesme boa lei; o teu coidado gardaba o meu espírito. 13 E con todo, acochabas isto na túa mente! Agora sei cal era a túa teima! 14 Estabas a axexar por se eu pecaba para non me deixar ir absolto. 15 Se teño culpa, pobre de min!, e aínda inocente, non erguerei a testa, farto de aldraxes e bébedo de coitas. 16 E se a erguese, cazarasme coma león, renovando fazañas contra min. 17 Repós contra min as túas testemuñas, multiplicas cara a min a túa carraxe, a cotío renovas as tropas que me atacan. 18 E logo, por que me tiraches do ventre? Mellor que morrese e que ninguén me ollase! 19 Sería igual que se nunca existise: conducido desde o ventre para a cova. 20 Non son xa poucos os meus días de vida? Déixeme El en paz para que relouque un intre 21 Antes de que parta sen retorno para o país das tebras e a negrume mortal 22 para a terra da escuridade máis noitébrega, sombra da morte, arredada da orde, onde o mesmo alumar é tebra!" |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)