XOB - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 1 - Biblia SEPTPresentación de Xob 1 Houbo unha vez un home na terra de Us, que se chamaba Xob. Era o tal un home íntegro e xusto, que temía a Deus e se arredaba do mal. 2 Nacéranlle sete fillos e tres fillas. 3 Compúñase a súa habenza de sete mil ovellas, tres mil camelos, cincocentas xugadas de bois, cincocentas burras, e servos numerosos. Aquel home era o máis rico dos orientais. 4 Tiñan os fillos costume de facer cadanseu banquete nas súas casas, en cadanseu día; e mandaban convite ás tres irmás para comeren e beberen xuntos. 5 O remate deses días de festa facíaos vir Xob para purificalos; erguíase de mañá e ofrendaba holocaustos por todos eles, pois dicía para si: —"E quen sabe se non terán pecado estes meus fillos, renegando de Deus nas súas conciencias?" E deste xeito obraba sempre. Primeira disputa no ceo 6 Aconteceu, pois, un día que, ó viren os anxos render acatamento diante de Iavé, achegouse tamén con eles Satán. 7 E preguntoulle Iavé a Satán: —"De onde chegas?" Respondeulle Satán a Iavé: —"De dar unha volta pola terra". 8 Díxolle Iavé a Satán: —"Xa reparaches no meu servo Xob? Home coma el non o hai no mundo, íntegro e xusto, temeroso de Deus e arredado do mal". 9 Respondeu Satán a Iavé: —"Seica Xob teme a Deus de balde! 10 Non será que o tes ti ben cinguido cun valado, el, o seu lar, e canto posúe, e que bendiciches canto fai, e que o seu gando se espalla por toda a campía? 11 Pero ponlle a man enriba e tócalle no que posúe, e has ver se non te maldí na cara!" 12 Díxolle Iavé a Satán: —"Ben: fai o que queiras coas súas cousas; soamente non poñas a man nel". Entón saíu Satán de diante de Iavé. Primeira proba 13 E aconteceu no día en que estaban a xantar e beber viño os seus fillos e fillas no pazo de seu irmán o vinculeiro, 14 cando chegou a Xob un criado dicindo: —"Estaban os bois arando e as burras a carón pacendo 15 e caeu sobre eles unha banda de xabeos que roubaron, despois de pasaren polo ferro ós mozos. Salveime só eu para cho contar". 16 Aínda non rematara este de falar cando chegou outro a dicir: —"Caeu un lóstrego do ceo, e consumiu ovellas e pastores. Salveime só eu para cho contar". 17 Aínda non rematara este de falar cando chegou outro a dicir: —"Os caldeos, formados en tres bandas, botáronse contra os camelos e leváronos, despois de pasaren polo ferro ós mozos. Salveime só eu para cho contar". 18 Aínda non rematara este de falar cando chegou outro a dicir: —"Estaban os teus fillos e fillas a xantar e beber viño no pazo de seu irmán o vinculeiro, 19 cando velaquí que xurdiu un furacán de máis alá da estepa, e deu polos catro cantos na casa, que caeu sobre os rapaces, e matounos. Salveime só eu para cho contar". 20 Daquela ergueuse Xob, rachou o manto, rapou a cabeza, e botándose por terra, prosternouse dicindo: 21 —"Espido saín do seo da miña nai e espido a el hei de tornar. Iavé deu, Iavé quitou: bendito sexa o nome de Iavé!" 22 Con todo, non pecou Xob botando protestas contra Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)