Isaías 9 - Biblia SEPT1 O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha grande luz. Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte. 2 Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia. Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura, o mesmo que saltarán de xúbilo ó repartiren o botín. 3 Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro —o bastón de quen o oprime—: rompíchelos coma o día de Madián. 4 Pois toda bota que tropeza con ruído, e todo manto cuberto de sangue serán para a queima, serán pasto de incendio. 5 Pois velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo: a soberanía estará sobre o seu ombreiro, e será invocado con estes seus nomes: Marabilla de conselleiro, Heroe divino, Pai eterno, Soberano da Paz. 6 Oh, que grande a súa Soberanía! A paz non terá fin no trono de David e no seu reino, para afincalo e para afirmalo, co dereito e coa xustiza, desde agora e para sempre. O celo do Señor dos Exércitos fará isto. Sentencia divina contra Israel 7 Unha palabra mandou o Señor contra Xacob, e caeu en Israel. 8 Coñécea todo o pobo, Efraím e os habitantes de Samaría, que dicían con orgullo e na soberbia das súas intencións: 9 "Se caeron os ladrillos, construiremos con pedra labrada; se foron cortados os sicómoros, cambiarémolos por cedros". 10 Si, o Señor protexeu ó seu inimigo Resín, acirrou ós seus adversarios, 11 A Aram por diante e ós filisteos por detrás, que devoran a Israel a boca chea. Por todo isto non se muda a súa ira e a súa man está aínda estendida. 12 Pois o pobo tampouco non se converteu a quen o castigou, nin busca ó Señor dos Exércitos. 13 Por isto o Señor cortoulle a Israel a cabeza e mais o rabo, a palmeira e o xunco no mesmo día. 14 O ancián e o dignitario son a cabeza, o profeta que dá a coñecer imposturas é o rabo. 15 Os condutores deste pobo foron os que o descarreiraron, e os conducidos foron os destruídos. 16 Por isto o meu Señor non será clemente coa xuventude do pobo, nin terá compaixón dos seus orfos e das súas viúvas, pois todos eles son malvados e ruíns, e todas as bocas falan parvadas. Por todo isto non se muda a súa ira e a súa man está aínda estendida. 17 A ruindade arde coma o lume que devora silveiras e espiños, prendeu lume na espesura do bosque, e lanzou en remuíño unha grande fumareda. 18 Co paso do Señor dos Exércitos queda abrasado o país, e o pobo é pasto do lume, ninguén ten compaixón de seu irmán. 19 Un recolle froitos pola dereita, e queda con fame; come pola esquerda, e non se farta; cadaquén ten que comer a carne do seu brazo. 20 Menaxés come a Efraím; Efraím, a Menaxés; os dous xuntos a Xudá. Por todo isto non se muda a súa ira, e a súa man está aínda estendida. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)